A Cañiza conta xa co skate park e pumptrack “máis completo de Galicia” cos recursos da Deputación
A institución provincial financiou as obras de construción desta nova infraestrutura deportiva cunha achega de 290.000 € a través do Plan Concellos
05/06/2023
Cos recursos do Plan Concellos da Deputación, o Concello da Cañiza conta xa co seu novo skate park e pump track, situado na rúa Silleda, a carón da Escola de Música municipal. A presidenta da institución provincial en funcións, Carmela Silva, visitou esta tarde acompañada do alcalde en funcións da vila, Luis Piña, o resultado desta actuación que acadou unha inxección de 290.000 € de fondos provinciais a través do Plan Concellos e que xa está a ser empregada pola cidadanía. Trátase, segundo sinalou o seu artífice, o técnico Álex Durán (responsable das probas do DMX do festival O Marisquiño), do skate park e pump track máis completo de toda Galicia.
A presidenta provincial en funcións, Carmela Silva, puxo en valor este novo equipamento deportivo “do século XXI, clave fundamental para atraer e manter poboación en núcleos pequenos e rurais como A Cañiza”. Con estas instalacións, sinalou, “a vila estase a poñer no mapa destas novas modalidades deportivas, cunha ampla repercusión social que aumentará cando se celebre o I Pumptrack A Cañiza, en xullo, e que fará que milleiros de persoas se acheguen á Paradanta, impulsando o seu desenvolvemento a todos os niveis”.
Pola súa banda o rexedor en funcións da vila, Luis Piña, amosouse “encantado” coa nova dotación e “ilusionado pola posta de longo que será a copa de Galicia en xullo”. Presumiu tamén do “mellor conxunto de skate park e pump track de Galicia, que mesmo segundo afirman persoas expertas ten a mellor rúa principal de toda España". E recordou que “estamos recibindo comentarios de colectivos e deportistas de diferentes lugares, como Vigo e Ourense, asegurando que van achegarse regularmente porque non hai dotacións comparables a esta”.
O skate park e pump track da Cañiza responde a un deseño seguro e ao aire libre. Con esta infraestrutura, a vila conta con instalacións públicas que ofertan novas disciplinas deportivas, amais de xerar un atractivo turístico máis dentro da comarca. A infraestrutura suma máis de 3.300 m2 para a práctica de deporte urbano, divididos no skate park (1.820 m2), o pump track (715 m2), zonas verdes (744 m2) e unha zona de acceso (26 m2) e o vindeiro 16 de xullo acollerá xa a súa primeira proba deportiva: o I Pumptrack A Cañiza, unha proba na especialidade de BTT Pump Track aprobada pola Federación Galega de Ciclismo.
O skate park conta con diferentes tipos de planos inclinados e ramplas que ofrecen un amplo abanico de posibilidades de movementos, piruetas e acrobacias, para practicar distintas disciplinas como skate, bmx, scooter e roller. Pola súa banda, grazas ás ondulacións que compoñen o seu carril o pump track está deseñado para ter unha utilización fluída. Ademais as persoas usuarias poden realizar o percorrido co impulso da inercia, sen que teñan que dar pedaladas ou empuxe co pé.