A Deputación reivindica a figura do pioneiro da fotografía e cinema galego José Gil cun proxecto multidisciplinar que chegará a 30 concellos

Carmela Silva: “Este é un proxecto único de recoñecemento ao primeiro cineasta galego, certamente ao pai do cinema, que triste e incomprensiblemente está esquecido. Imos recuperar a súa historia”

14/02/2023

Presentación proxecto José Gil

A rúa Príncipe, a poucos metros de distancia de onde José Gil montou no ano 1910 a primeira produtora de cinema da historia de Galicia, converteuse hoxe un século despois no escenario da presentación do proxecto multidisciplinar co que a Deputación, en colaboración con Vía Láctea Films, Cine na Rúa e Editorial Galaxia busca ao longo deste 2023 recoñecer e reivindicar a este visionario e pioneiro, que cimentou as bases do audiovisual galego. Do mesmo xeito que Gil levaba o cine a todos os recunchos de Galicia, un Cinemóbil, esta mañá aparcado ás portas do Museo MARCO, será a peza central coa que este proxecto chegará a 30 concellos cos que este cineasta tivo relación durante a súa vida, e cuxos actuais alcaldes e alcaldesas tamén estiveron hoxe na presentación, amais da presidenta provincial, Carmela Silva, o alcalde de Vigo, Abel Caballero e representantes das citadas entidades, Ignacio Vilar, Carlos Méndez, Lucía Concepción, Manuel González e Francisco Castro.

Todo hoxe na céntrica rúa viguesa evocou a presenza de José Gil (As Neves, 1870-Vigo, 1937), quen realizou máis de 150 filmes documentais entre 1910 e 1935 no sur de Galicia e a pesar de ser “o pai do cinema galego”, como lembrou Carmela Silva, segue a ser unha figura descoñecida e case nada queda da súa obra (só se conservan 7 películas). Desde a música que formou parte da súa vida, interpretada en directo por un dúo, ata o citado Cinemóbil baseado no seu “automotor de cine”, que se converteu nun auténtico photocall, con decenas de persoas deténdose ante os seus carteis. Xa no interior do MARCO, Carlos Méndez e Lucía Concepción, expertos na técnica fotográfica do colódio húmido que serviu de base para o traballo de Gil, fixeron unha demostración práctica deste procedemento tomando unha imaxe á presidenta provincial e proxectouse a curta “Kids auto races at Venice” (1914), o primeiro filme onde apareceu a personaxe de Charlot e que Gil proxectaba a principios do século XX como afeccionado que tamén era aos coches.

A presidenta provincial, Carmela Silva, describiu este proxecto como “único e fermosísimo para o recoñecemento ao primeiro cineasta galego” e agradeceu ás e aos seus promotores a idea da iniciativa, así como “o compromiso” dos alcaldes e alcaldesas dos concellos nos que se desenvolverá. “Se hoxe Galicia é unha das comunidades con maior poderío audiovisual, e puidémolo comprobar nos premios Goya, é grazas á figuras como Gil –subliñou-. Pero sen embargo, é tristemente esquecido. Fixo traxectoria aquí en Vigo con tres produtoras que estaban nesta rúa Príncipe e é incomprensible que non sexa unha figura máis coñecida. Por iso imos recuperar a súa historia e parte dos seus filmes e a xente vai coñecer a esta figura imprescindible para o cinema galego feito en Galicia, que amais falaba da nosa terra e os nosos espazos. Un home visionario que tiña un soño e sempre traballou por el, moitas veces con gran incomprensión”.  

Deste xeito, o proxecto multidisciplinar “José Gil. Pontevedra, provincia de cine. Na orixe do cinema” aglutinará presentacións, exposicións, proxeccións, concertos e múltiples actividades moi vencelladas ao territorio entre febreiro e decembro. “Iniciamos –engadiu Carmela Silva- unha andaina de cultura, de cinema, de literatura, unha andaina de vida, de recoñecemento e de sentirnos fortes e orgullosos do que somos. O que hoxe somos foi o que antes construíron outras e outros. Sempre fomos un pobo grande e adiantado, con grandes figuras e Gil foi un pioneiro no so en Galicia, senón en todo o Estado e Europa”.

Pola súa banda, o alcalde Abel Caballero, quixo destacar o papel transcendental do cinema “como forma de cultura que cambiou tanto o mundo” e subliñou a importancia de recoñecer a figura de José Gil, “un dos grandes facedores das primeiras películas, do primeiro cinema”. “Onde non había cine, el levaba na súa furgoneta a cultura do cine –apuntou-. Era a forma de facer iguais a tanta xente e de facerlles partícipes dese avance”. Xa referíndose ao caso da súa vinculación con Vigo lembrou que “en tantos documentos gráficos aparece a figura de Gil coa súa cámara formando parte da paisaxe e a forma de entender esta cidade” e lembrou que unha rúa leva o seu nome na cidade, “unha rúa que coidamos e queremos que sexa reflexo da forma que ten Vigo de entender a cultura”. “Esa forma de entender a cultura, a súa capacidade creativa e o seu espírito empresarial están asentados aquí agora, onde arraigou”.

Carlos Méndez e Lucía Concepción, amais de realizar a demostración en directo da técnica do colódio húmido, tamén reivindicaron a necesidade da recuperación da cámara orixinal de Gil, que se atopa en Ponteareas, e que non puido levarse á presentación polo seu delicado estado. “Nun ou dous anos podemos perdela para sempre”, indicou Concepción, que solicitou a súa recuperación “para poder facer retratos de novo a veciños e veciñas”. “É unha xoia –engadiu Méndez-”.

Manuel González é o autor do libro biográfico sobre o pioneiro do cinema, editado por Galaxia, que se presentará ao longo do ano no marco deste proxecto e agradeceu emocionado o acto de “reparación” da figura de Gil. Falou das súas múltiples facetas, incluso a de produtor de viño e tamén a de músico, e lembrou, tras ler a única esquela publicada trala súa morte hai 80 anos, que “non houbo ningunha noticia máis sobre el”. “Ao final convertérase nun personaxe extravagante –explicou- ao que non entendía ben a sociedade do seu tempo. Con este acto e o que estamos a facer é das veces que a memoria gaña a batalla ao esquecemento”. Tanto el como Francisco Castro, reclamaron no acto que se identifique en condicións a tumba do cineasta no cemiterio de Pereiró, “porque a súa lápida segue en branco esperando a que estea o seu nome”.

Castro tivo así mesmo palabras de agradecemento á Deputación e ao Concello, e concretamente a Carmela Silva e Abel Caballero,  por sumarse a este proxecto “para facer memoria”, así como para o artífice da idea, o realizador Ignacio Vilar, “que soñou todo isto”. “Creo que unha sociedade é digna se e entre outras cousas recoñece o valor das persoas que nos precederon. A tentación do esquecemento tamén existe e hoxe é un día grande ,facemos memoria de José Gil”. Pola súa banda, Ignacio Vilar, definiu a José Gil como o seu “avó cinematográfico” e subliñou que en Vigo “non só temos unha Film Commission, senón que temos un José Gil que nos une ao orixe do cinema”. “Temos que conseguir atraer fondos para que a provincia non só se converta nun plató de cine, senón nunha industria de cine. E Gil é o noso faro”.

Programación

A programación de “José Gil. Pontevedra, provincia de cine. Na orixe do cinema” comezará nas Neves (24-25 de febreiro) e rematará en decembro (1-3) en Ponteareas e percorrerá amais os concellos de Cuntis, Cambados, A Guarda, Caldas, Mondariz, O Grove, Poio, Baiona, Redondela, Gondomar, Nigrán, Arbo, Mondariz-Balneario, Soutomaior, O Porriño, Bueu, Cangas, Pontecesures, Lalín,  Sanxenxo, Pontevedra, Tui, Vigo (en outubro), Covelo, Moaña, Salvaterra, Marín e Vilagarcía.

En cada un destes concellos José Gil ocupará o espazo público durante unha fin de semana, chegando á veciñanza con actividades para todos os públicos como o Cinemóbil, que conterá os 16 paneis explicativos sobre o cineasta, que abordan a súa biografía e traxectoria na fotografía. Amais, están previstos encontros coa comunidade educativa de cada lugar, así como a exhibición e presentación de documentais, curtas e montaxes arredor deste pioneiro e a presentación do libro de Manuel González “Nos días encantados de agosto”. A programación incluirá así mesmo sesións vermut, con música en directo, nas que as bandas de música de cada concello interpretarán un programa composto por músicas relacionadas coa vida de Xosé Gil, e proxeccións audiovisuais sobre as obras conservadas de Gil, un documental de 55 minutos de Miguel A. Romero sobre o cineasta e unha curta cómica de Harold Lloyd proxectada por José Gil nos seus cinemas. Igualmente, estará dispoñible un espazo web con toda a información sobre o cineasta e o proxecto para divulgar a súa figura.

Galerias de imaxes

videos