A Deputación estrea a nova web do ORAL, máis fácil, accesible e transparente, para mellorar a atención á cidadanía
A plataforma inclúe, entre outras melloras, un novo menú principal, información actualizada e intuitiva, datos de contacto, acceso aos datos dos tributos e información municipal
28/11/2024
A Deputación de Pontevedra acaba de estrear a nova web do Órgano de Xestión Tributaria e Recadación de Recursos Locais (ORAL), unha ferramenta máis moderna, intuitiva, co obxectivo de mellorar a atención da cidadanía da provincia. No seu compromiso por ofrecer un servizo público de calidade e transparente, o ORAL estrea esta nova plataforma dixital, completamente renovada e que garante unha experiencia de usuario máis áxil e satisfactoria.
Entre as novidades, atópase un novo menú principal, que facilita a busca da información, con seccións claramente definidas e un buscador interno que leva aos usuarios aos contidos máis relevantes. Ademais, na páxina de inicio móstranse as últimas noticias e avisos importantes, así como accesos rápidos aos contidos máis consultados. Por outra banda, na nova web é posible atopar toda a información precisa para contactar co ORAL, incluíndo a localización das diferentes oficinas e os horarios de atención.
Ademais, o novo deseño mellora a visualización e a explicación dos impostos que xestiona o ORAL, ofrecendo información detallada e específica de cada un deles, e inclúe, ademais, seccións dedicadas aos municipios, con información específica dos tributos delegados. Con esta nova web (á que se pode acceder a través de https://www.depo.gal/es/web/oral), o obxectivo da Deputación de Pontevedra é achegar a administración á cidadanía, reafirmando así o seu compromiso coa transparencia, a eficiencia e a calidade na prestación de servizos públicos.