A Deputación pon en marcha a contratación das obras de mellora na EP-8404 Piñeiro-Arcos, en Cuntis
O presidente Luis López anunciou a luz verde ao expediente de contratación desta actuación, que mobilizará máis de 520.000 euros para actuar ao longo de máis de 3 quilómetros na vía
27/12/2024
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este venres que a institución provincial acaba de poñer en marcha a contratación das obras de mellora da seguridade viaria na EP-8404 Piñeiro-Arcos, en Cuntis, coa aprobación do expediente. Esta actuación, que foi presentada á veciñanza da vila, será financiada integramente pola institución provincial cun orzamento total de 520.000 euros. “O obxectivo é mellora a seguridade e funcionalidade desta vía”, sinalou Luis López, para o que se levará a cabo “unha posta a punto total que marcará un antes e despois nesta estrada”.
A actuación na EP-8404 desenvolverase nun tramo de 3,4 quilómetros desta estrada provincial, no que a Deputación instalará unha nova capa de rodadura, así como novas cunetas para o tránsito peonil seguro, ademais de renovar a sinalización e solucionar os actuais problemas de filtracións de auga. Entre os traballos tamén destaca a colocación de lousas hidráulicas para completar as beiravías nas zonas peonís. Grazas a esta actuación, promoverase unha mobilidade segura e axeitada para a cidadanía.
O presidente Luis López lembrou que “estamos levando a cabo melloras nos 1.600 km da rede de estradas provinciais, porque queremos que todos os concellos da provincia teñan estradas á altura das demandas actuais”. Grazas a estas actuacións, sinalou o mandatario provincial, as vías provinciais estanse a converter en “estradas accesibles, renovadas e con todas as garantías de seguridade”.