Luis López recoñece a traxectoria dos 19 traballadores da Deputación que se xubilan este ano no tradicional pincho do Nadal celebrado no Pazo provincial
O mandatario provincial preside a entrega de premios do certame de decoración do Nadal dos distintos servizos provinciais no que participou persoal da Deputación
20/12/2024
O presidente da Deputación de Pontevedra Luis López, recoñeceu este venres durante a celebración do tradicional pincho do Nadal que organiza o organismo provincial cada ano por estas datas a traxectoria, o esforzo e a dedicación dos dezanove traballadores da Deputación que se xubilan este ano. “Rendemos unha merecida homenaxe a dezanove persoas que dedicaron boa parte da súa vida ao servizo público. A construír, desde o seu posto nesta Deputación, unha provincia máis unida, máis cercana e máis xusta. Hoxe lles entregamos esta insignia de ouro por unha traxectoria exemplar dentro da Deputación”, declarou o mandatario provincial.
Despois de nomear a cada un dos traballadores que pechan neste 2024 a súa etapa como traballadores da institución provincial —Aquilino Valiño Pino, Carmen Salinero Corral, María del Carmen Crespo Blanco, Francisco Rosendo Alonso Fernández, Mari Paz Balboa García, Neli Ogando Fernández, Concepción Cuíña González, Gonzalo Freire Carragal, María del Carmen González Malvarez, Manuel Luis Pereira Figueroa, Paloma Rueda Crespo, Herminia Torreiro López, Javier Rivadulla Vilar, Dolores Méndez González, Aurea Goitia Paisa, Jose María Domínguez Vidal, Concepción Rodríguez Rodríguez e Luz Pérez Soliño— , o presidente Luis López desexoulles, en nome de toda a Deputación, felicidade nesta nova etapa das súas vidas. “Todas e todos contribuístes co voso tempo, esforzo e dedicación a mellorar esta Deputación, a atención á veciñanza, e os servizos da provincia. A casa de todos os pontevedreses foi, é e será por sempre a vosa casa”, concluíu o dirixente.
Entrega de premios do concurso de Nadal
O acto rematou coa entrega de premios de decoración do Nadal das distintas zonas de traballo do Pazo provincial e doutros espazos da Deputación, que contou coa implicación dos traballadores de todos os servizos. Acompañado por deputados do goberno provincial, o presidente Luis López foi o encargado de entregar os galardóns aos premiados das distintas categorías, que son mellor decoración e mellor proposta escénica.
“Deséxovos unhas felices festas, que recarguemos pilas nestas datas para seguir facendo desta provincia o paraíso que é e dándovos as grazas polo traballo realizado ao longo do ano”, concluíu Luis López despois de dar os parabéns aos participantes pola calidade dos decorados e pola implicación do persoal.