#IGUALDADE
Guía de comunicación inclusiva
Principios de actuación para unha comunicación en clave de igualdade na Deputación de Pontevedra
Este regulamento, que ten por obxectivo a eliminación da linguaxe sexista e discriminatoria da comunicación oficial da Deputación, será de obrigado cumprimento para todos os órganos, servizos e departamentos da institución provincial así como para todas as traballadoras e traballadores desta administración, tanto nas actuacións internas como externas.
Ademais, a normativa afectará tamén aos estudos, proxectos, programas e traballos que a Deputación de Pontevedra lles encargue a terceiras persoas, entidades ou empresas que deberán realizarse atendendo ás recomendacións sobre o uso inclusivo da linguaxe escrita e iconográfica contidas neste regulamento, un requisito que será explicitamente recollido nas convocatorias ou solicitudes dos mencionados traballos.
Do mesmo xeito, tamén os contratos de prestación de servizos asinados pola Deputación con entidades privadas conterán unha cláusula na que se comprometan expresamente a respectar as normas que dispón este regulamento en materia de comunicación inclusiva.