#XUVENTUDE

Erasmus+

É un programa da Unión Europea, financiado pola Comisión Europea, que apoia unha ampla serie de actividades nos ámbitos da educación, a formación, a xuventude e o deporte.


O obxectivo do programa "Erasmus+" é apoiar, a través da aprendizaxe permanente, o desenvolvemento educativo, profesional e persoal das persoas nos ámbitos da educación, a formación, a xuventude e o deporte.

Dentro do ámbito da formación e a educación, apoia a mobilidade transnacional para mellorar as cualificacións e a empregabilidade nos seguintes ámbitos educativos:

No ámbito estatal, o Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE) é o organismo encargado da xestión, difusión e promoción do programa "Erasmus+" na área da educación e a formación (2021-2027); así mesmo, coordina e participa en proxectos nacionais e internacionais.

Convocatorias

Estas convocatorias teñen como finalidade acadar a adhesión de centros de FP da provincia de Pontevedra que impartan especialidades de grao básico, grao medio e certificados de profesionalidade dos niveis I, II e III e que estean inscritos no Rexistro Estatal de Centros Docentes non Universitarios (RCD), para formar un consorcio de mobilidade e presentarlle de forma conxunta unha solicitude de proxecto ao SEPIE dentro da convocatoria de propostas de "Erasmus+". Así, o alumnado recén titulado e mais o persoal docente e non docente que traballe en educación e formación profesional dos centros adheridos poderá realizar prácticas en países do programa "Erasmus+" ou en terceiros países asociados a este.

Erasmus+ 2024
Erasmus+ 2023
Erasmus+ 2022
Practicum Depo 2021
Practicum Depo 2020

Estudantes

Requisitos

Poderán participar as persoas recentemente tituladas de ciclos de grao básico e medio de Formación Profesional e certificados de profesionalidade dos niveis I, II e III, de calquera centro educativo que sexa socio do proxecto durante o seguinte ano ao de finalización dos seus estudos, sempre que sexan seleccionadas durante o último curso académico da súa formación.

A persoa solicitante debe iniciar a mobilidade durante os 12 meses posteriores á data de obtención da súa titulación, residir no noso país e ser maior de 18 anos.

O centro educativo seleccionará o estudantado en función do número de mobilidades concedidas ao centro. A Deputación de Pontevedra tamén participa no proceso selectivo.

A selección realízase por procedementos equitativos, transparentes e igualitarios, segundo os seguintes criterios:

  • Cumprimento dos requisitos establecidos no programa "Erasmus+" (si/non)
  • Asistencia ás clases lectivas e conduta (ata 1 punto)
  • Expediente académico (ata 2 puntos)
  • Coñecemento de idiomas (ata 2 puntos)
  • Méritos (ata 1 punto)
  • Entrevista persoal (ata 2 puntos)
  • Tipoloxía de alumnado (2 puntos)
Oportunidades

A participación no proxecto ofrécelle ao estudantado a posibilidade de realizar prácticas formativas nun país estranxeiro durante un período aproximado de seis meses para

  • Mellorar a súa competencia nunha lingua estranxeira
  • Mellorar as súas competencias vinculadas ao seu perfil profesional
  • Aumentar a súa empregabilidade
  • Mellorar as súas expectativas laborais, facilitándolles a transición do ámbito da educación e a formación ao mercado laboral

Para acadar estes resultados as persoas beneficiarias contarán con:

  • Axuda para a viaxe de ida e volta ao destino das prácticas.
  • Preparación lingüística antes e durante a mobilidade.
  • Prácticas en empresas.
  • Axuda para o aloxamento e a manutención na cidade de destino das prácticas.
  • Titorización do programa de prácticas.
  • Supervisión do programa de prácticas.
  • Seguro de viaxe.

A formación realizarase en empresas ou noutras entidades (por exemplo, administracións públicas ou organizacións non gobernamentais) para adquirir experiencia laboral.
Os países de destino previstos inicialmente para realizar as prácticas son o Reino Unido, Finlandia, Portugal, Malta e Italia.

Mobilidade

Características

  • Duración: a duración prevista para cada mobilidade é, con carácter xeral, de 180 días (6 meses). A duración mínima é de 90 días e a máxima de 12 meses.

A mobilidade contempla un día para a viaxe de ida e outro para a de volta.

  • Destinos: Reino Unido, Irlanda, Italia, Malta, Portugal, Alemaña, Romanía, Chipre, Bulgaria, Polonia, Eslovaquia, Grecia, Suecia, Eslovenia, Finlandia, Países Baixos, Noruega, Dinamarca, Islandia e Francia.

Axuda

Cada participante recibe unha axuda de apoio individual, destinada a cubrir os gastos de aloxamento, manutención e transportes locais, e unha axuda para os gastos da viaxe, para o desprazamento de ida e volta entre a cidade de orixe e a de destino.

A axuda destinada ao apoio individual calcúlase en función do número de días da mobilidade e das tarifas establecidas pola Comisión Europea para cada país.

A axuda para os gastos da viaxe é unha cantidade fixa que se establece en función da distancia en quilómetros en liña recta desde a cidade de orixe ata a de destino, proporcionada pola calculadora de distancias da Comisión Europea.

A axuda de mobilidade, tanto a de apoio individual coma a da viaxe, pode non cubrir todos os gastos nos que incorran as persoas participantes.

A axuda financeira non pode usarse para cubrir gastos xa financiados polos fondos europeos.

A empresa de prácticas é libre á hora de decidir pagarlles ás persoas participantes algunha axuda económica para sufragar os gastos da estancia. Esta axuda, en caso de existir, é compatible coa que presta o programa "Erasmus+".

A axuda de mobilidade que lles concede a Deputación de Pontevedra ás persoas participantes, financiada co apoio da Comisión Europea, é compatible con calquera outra fonte de financiamento, incluídos os ingresos que poidan recibir se traballan ao mesmo tempo que realizan os seus estudos ou prácticas, sempre e cando desenvolvan as actividades descritas no Acordo de aprendizaxe "Erasmus+" para a mobilidade de estudantes e as prácticas.

Financiamento da axuda de mobilidade

As axudas de mobilidade concedidas ás persoas participantes están financiadas co apoio da Comisión Europea.

Períodos de pagamento das axudas

Nos 30 días posteriores á sinatura do convenio de subvención entre a Deputación de Pontevedra e a persoa participante, ou logo da recepción da confirmación da chegada, e non máis tarde da data de inicio do período de mobilidade, realizaráselle a esta o primeiro pago de prefinanciamento, equivalente ao 90 % do importe da axuda de mobilidade.

Obrigas

Antes da mobilidade:

  • Realizar o test en liña inicial de coñecemento do idioma do país de destino.
  • Asinar o convenio de subvención entre a Deputación Provincial e as persoas participantes.
  • Asinar o Acordo de aprendizaxe "Erasmus+" de mobilidade para estudos e prácticas (Learning Agreement).

É indispensable cumprir todas estas obrigas para poder recibir o importe total da axuda. Ás e aos estudantes que non presenten os informes poderáselles esixir o reembolso total ou parcial da subvención recibida.

Durante a mobilidade

  • Cumprir con todos os compromisos derivados do convenio de subvención e outros acordos negociados para a súa estancia e facer todo o que estea na súa man para que esta sexa satisfactoria.
  • Comunicar calquera modificación ou cambio nas condicións da mobilidade.
  • Comunicarlles a todas as entidades participantes na mobilidade, o máis axiña posible, calquera incidencia significativa ou situación excepcional e imprevisible que se produza.
  • Cumprir as normas e regulamentos da empresa ou organismo de acollida das prácticas e os seus códigos de conduta e confidencialidade.
  • Seguir formándose mediante a plataforma OLS (Online Linguistic Support) durante toda a mobilidade, acceder frecuentemente e usar os recursos que se ofrecen nela.
  • Manter activas todas as contas de correo electrónico, os teléfonos e os datos de contacto subministrados e, en caso de producirse algún cambio, comunicárllelo a todas as entidades que interveñen na mobilidade no prazo de 48 horas.

É indispensable cumprir todas estas obrigas para poder recibir o importe total da axuda. Ás e aos estudantes que non presenten os informes poderáselles esixir o reembolso total ou parcial da subvención recibida.

Logo de finalizada a mobilidade

  • Realizar unha proba de avaliación en liña da competencia lingüística adquirida.
  • Cubrir e enviar un informe en liña (EU Survey). O prazo límite para o envío será de 30 días naturais desde a finalización da estancia.
  • Enviarlle á Deputación de Pontevedra unha memoria detallada sobre as actividades realizadas e as tarefas completadas na empresa.
  • Cubrir e remitirlle á Deputación de Pontevedra un cuestionario sobre a mobilidade

É indispensable cumprir todas estas obrigas para poder recibir o importe total da axuda. Poderáselles esixir ás e aos estudantes que non presenten os informes o reembolso total ou parcial da subvención recibida.

Outras obrigas:

  • Recompilar, custodiar e remitir todos os documentos xustificativos dos gastos realizados durante a mobilidade que son obxecto de axuda por parte do programa, coma facturas, xustificantes bancarios de pagamento, tarxetas de embarque ou alugamento, que lle reclamará a Deputación de Pontevedra durante a mobilidade ou no mes seguinte ao da súa finalización.
  • A conta bancaria que figura na solicitude da persoa participante debe permanecer activa incluso despois de terminar a mobilidade, ata recibir a última transferencia.
  • Comprobar asiduamente o correo electrónico ao que se envían todas as comunicacións, que non poderá rexeitar as mensaxes entrantes.
  • Para calquera comunicación coa Deputación de Pontevedra a través do correo electrónico, no inicio da mensaxe incluiranse sempre o nome e apelidos, a cidade de destino e a empresa de prácticas.
  • Cumprir todos os requisitos de elaboración e envío das memorias, informes ou documentos solicitados pola Deputación de Pontevedra ou por outro socio, necesarios para a xestión da mobilidade, tanto durante coma despois da súa realización.

O cumprimento de todas estas obrigas é indispensable para poder recibir o importe total da axuda. Poderáselles esixir ás e aos estudantes que non presenten os informes o reembolso total ou parcial da subvención recibida.

Idiomas

Antes da mobilidade: non se esixe un coñecemento determinado dos idiomas do país de destino; non obstante, a empresa de acollida poderá establecer un nivel mínimo. Hai que ter en conta que un coñecemento básico é necesario para poder desenvolverse no día a día.

Probas de nivel: a persoa participante deberá realizar unha avaliación en liña da súa competencia lingüística (ao inicio e ao final do período de mobilidade) na lingua principal de ensino ou traballo no país de destino. Se unha ou un participante non realiza a avaliación inicial das súas competencias non poderá comezar a súa mobilidade.

A avaliación realizarase a través da plataforma OLS.

Apoio lingüístico: ferramenta OLS

O programa ofrécelles ás persoas participantes apoio lingüístico mediante a ferramenta en liña, que comprende dúas facetas: a avaliación das competencias lingüísticas (ao inicio e ao final da mobilidade), mediante un test de carácter obrigatorio e a posibilidade de seguir formándose durante a estancia.

O uso da ferramenta OLS non ten ningún custo para as persoas participantes.

A preparación lingüística pode realizarse na lingua oficial do país de destino ou na de traballo.

Pode accederse á OLS a través de EU Academy, rexistrándose cunha conta EU Login, na seguinte ligazón: https://academy.europa.eu/local/euacademy/pages/course/community-overview.php?title=learn-a-new-language

Guía de viaxe

Seguro de viaxe

Para garantir a seguridade cada persoa participante, esta contará cun seguro de viaxe contratado pola Deputación de Pontevedra, que inclúe gastos médicos, cirúrxicos, farmacéuticos, de hospitalización, de ambulancia, de repatriación ou transporte de persoas feridas, enfermas ou falecidas, desprazamento dunha ou dun acompañante e gastos de estancia, de regreso no caso de falecemento dun familiar, de envío de medicamentos, de accidentes, de enfermidade, invalidez e responsabilidade civil durante toda a mobilidade.

A maiores, cada persoa participante deberá tramitar a tarxeta sanitaria europea, en caso de ter dereito a ela.

Tarxeta Sanitaria Europea

A tarxeta sanitaria europea (TSE) é o documento persoal e intransferible que acredita o dereito a recibir as prestacións sanitarias necesarias, desde un punto de vista médico, durante unha estancia temporal no territorio do Espazo Económico Europeo ou en Suíza, tendo en conta a natureza das prestacións e a duración da estancia prevista, de acordo coa lexislación do país de estancia, independentemente de que o obxecto dela sexa o turismo ou unha actividade profesional ou académica.

É moi recomendable que as persoas participantes na mobilidade a obteñan.

Documentos

Relacionados coa mobilidade

  • Convenio de subvención Erasmus+ Formación Profesional para estudos e/ou prácticas
    Recolle as condicións particulares da mobilidade, o acordo de aprendizaxe, as condicións xerais do convenio e o compromiso de calidade.
  • Acordo de Aprendizaxe Erasmus+ para mobilidade para estudos e prácticas (Learning Agreement)
    Concreta as prácticas que vai realizar cada unha das persoas participantes.
  • Certificado de incorporación ás prácticas (Incorporation Certificate)
    Xustifica o inicio do período de prácticas da mobilidade.
  • Certificado de fin de estancia na empresa de prácticas (Certificate of Attendance)
    É emitido pola empresa de prácticas e xestionado pola organización intermediaria logo de finalizar as prácticas.
  • Europass
    Rexistra formalmente os períodos de aprendizaxe ou formación realizados polo titular en países distintos ao seu, que lle é entregado a cada participante logo da finalización da mobilidade. Máis información dispoñible na sección "Outros documentos de interese".

Outros documentos de interese

Europass (http://www.sepie.es/iniciativas/europass/index.html )

É un expediente persoal, composto por cinco documentos, que as e os cidadáns poderán utilizar con carácter voluntario para comunicar e presentar, de xeito claro e sinxelo, as aptitudes, titulacións e certificacións adquiridas ao longo da vida en toda Europa (Unión Europea, Área Económica de Libre Comercio, Espazo Económico Europeo e países candidatos), sempre que desexen buscar traballo ou solicitar a admisión nalgún programa educativo ou formativo.

Preguntas frecuentes

Que é o programa Eramus+?

É un programa de mobilidade organizado pola UE e xestionado pola Comisión Europea para permitirlles ás persoas participantes aumentar as súas oportunidades no ámbito da educación e da formación a través de diferentes accións clave.

Cales son os obxectivos do proxecto?

Aumentar as oportunidades de formación no estranxeiro do alumnado de Formación Profesional e certificados de profesionalidade dos niveis I, II e III e proporcionarlle as habilidades necesarias para a transición do ámbito da educación e a formación ao mercado laboral.

Que lles ofrece o proxecto ás persoas participantes?

A posibilidade de realizar prácticas formativas nun país estranxeiro (non se inclúen as prácticas no mesmo país no que se están a formar) para mellorar a súa competencia lingüística nunha lingua estranxeira e as competencias vinculadas ao seu perfil profesional.
Para levar a cabo a mobilidade, as persoas participantes contarán con:

  • Axuda para a viaxe de ida e de volta.
  • Preparación lingüística antes de e durante a mobilidade.
  • Prácticas en empresas.
  • Axuda para o aloxamento e a manutención.
  • Titorización do programa de prácticas.
  • Supervisión do programa de prácticas.
  • Seguro de viaxe.

Que persoas poden participar no proxecto?

Alumnado de ciclos de grao básico e grao medio de Formación Profesional e cursos que conduzan á obtención de certificados de profesionalidade dos niveis I, II e III pertencentes a distintas familias profesionais de calquera centro educativo socio do proxecto. Tamén poderán facelo as persoas recentemente tituladas durante o ano seguinte ao de finalización dos seus estudos, sempre que sexan seleccionadas durante o último curso académico da súa formación.

Nese caso, deberán iniciar e finalizar a mobilidade durante os 12 meses posteriores á data da súa titulación.

Ademais, teñen que residir no noso país e ser maiores de 18 anos.

Como se seleccionan as persoas que van realizar prácticas?

O centro educativo selecciona en función do número de mobilidades concedidas. A Deputación de Pontevedra participa tamén neste proceso selectivo.
A selección faise por procedementos equitativos, transparentes e igualitarios, baseándose nos seguintes criterios:

  • Cumprimento dos requisitos establecidos no programa "Erasmus+" (si/non)
  • Asistencia ás clases lectivas e conduta (ata 1 punto)
  • Expediente académico (ata 2 puntos)
  • Coñecemento de idiomas (ata 2 puntos)
  • Méritos (ata 1 punto)
  • Entrevista persoal (ata 2 puntos)
  • Tipoloxía de alumnado (2 puntos)

Cantas mobilidades de prácticas se poden realizar como estudante ou persoa recentemente titulada en FP?

Poderá facerse máis dunha mobilidade para estudos ou prácticas, pero a duración de todas elas non poderá superar os 12 meses en cada nivel educativo.

Poderanse realizar dúas estancias de prácticas na mesma empresa se se usan fontes de financiamento diferentes?

Só pode realizarse un único período de prácticas na mesma empresa, independentemente das fontes de financiamento.

Incumprimento por parte da ou do participante dos termos do convenio de subvención asinado coa Deputación.

En caso de incumprimento grave das obrigas derivadas do convenio, a institución pode rescindilo notificándollo por escrito á persoa participante, que deberá devolver a cantidade da axuda que se lle aboase.

Rescisión por parte da persoa participante do convenio de subvención asinado entre esta e a Deputación antes da súa finalización.

Se a persoa participante rescinde o convenio antes do seu prazo de finalización, deberá devolver a cantidade da axuda aboada.

Rescisión ou incumprimento por parte da ou do participante do convenio de subvención asinado entre esta e a Deputación por causa de forza maior.

En caso do regreso da persoa participante antes da data estipulada no seu convenio por unha causa de forza maior, é dicir, unha situación excepcional e imprevisible ou un acontecemento máis alá do control da persoa participante e non atribuíble a un erro ou unha neglixencia pola súa parte, esta ten dereito a recibir a subvención correspondente á duración da estancia formativa realizada ata o momento da interrupción. Calquera fondo restante deberá devolverse.

Estas circunstancias de causa de forza maior deben comunicárselle sen demora á Deputación de Pontevedra, quen informará á axencia nacional que xestiona o programa "Erasmus+" . Esta será esa a que decida a súa aceptación.

Sobre as prácticas

Que duración teñen as prácticas formativas?

Na maioría dos casos a duración media é de 180 días (6 meses).

A duración mínima é de 90 días e a máxima de 12 meses.

Cando empeza a computar o período de prácticas?

O primeiro día de incorporación á empresa ou institución de prácticas. O período formativo comprende desde o primeiro ata o último día de prácticas.

Que sucede no caso de festivos ou vacacións da empresa?

Os días festivos ou o período de vacacións da empresa non se descontan da duración total da mobilidade. A axuda mantense durante o referido período.

Onde se realizan as prácticas?

Nunha empresa, centro de formación ou institución do estranxeiro. As persoas participantes coñecen o lugar de prácticas antes de iniciar a mobilidade.

Quen elixe a empresa ou institución de prácticas?

A organización intermediaria, que lles presta apoio ás persoas en prácticas, é a encargada de seleccionar organizacións de acollida adecuadas para conseguir os obxectivos da estancia segundo as necesidades de cada participante e as súas habilidades lingüísticas, tendo en conta os currículos facilitados e as preferencias de cada persoa.

Que acontece se a empresa cancela as prácticas?

Nese caso a entidade intermediaria buscará outra colocación.

Que sucede se a ou o participante considera que as prácticas non son idóneas?

En caso de calquera desaxuste, a organización intermediaria revisará o caso e, se fose necesario, buscaralle á persoa participante outra empresa na que poida realizar as prácticas.

Que acontece se a persoa en prácticas é expulsada da empresa?

Se a actitude da persoa participante levase á empresa a expulsala, esta podería ser excluída do programa, o que suporía o seu regreso inmediato a España, a devolución das axudas recibidas e o pagamento dos gastos ocasionados ata o momento.

Quen supervisará as prácticas na empresa durante a mobilidade?

Unha ou un titor dentro da empresa, que será a persoa de referencia dentro da compañía. Esta será unha ou un traballador máis da empresa e, polo tanto, non poderá dedicar a súa xornada exclusivamente á supervisión da ou do participante.
Por outra banda, a empresa intermediaria e a Deputación de Pontevedra tamén supervisarán que as prácticas se están a desenvolver adecuadamente.

Cal é o horario de prácticas?

O que estableza a empresa. Non poderá superar a xornada máxima legal de cada país.

Permítense ausencias ás prácticas?

Non se poderá faltar ás prácticas nin un só día de xeito inxustificado.

No caso de enfermidade, a persoa participante terá que comunicarllo á empresa; se a situación supera os dous días terá que entregarlle un parte médico.

As ausencias inxustificadas poderían levar á expulsión da persoa participante do programa, o que implicaría o seu regreso inmediato a España, a devolución das axudas recibidas e o pagamento dos gastos ocasionados ata o momento.

Incidencias durante as prácticas. Como proceder?

Se xurdise algún inconveniente en relación ás prácticas que a persoa participante considere que precisa solución, deberá informar, en primeiro lugar, á ou ao titor da empresa. Se deste xeito non atopase solución, dirixirase, en segundo lugar, á persoa de contacto da organización intermediaria. En último termo contactará coa Deputación de Pontevedra.

Pódense ampliar as prácticas na empresa?

Si, pódese solicitar a ampliación. Esta solicitude deberá dirixirse á institución provincial como mínimo cun mes de antelación á finalización do período de mobilidade.

O período adicional deberá ser inmediatamente posterior ao período de mobilidade en curso.

Coñecemento de idiomas

É necesario un coñecemento mínimo do idioma do país de destino?

Non é necesario; non obstante, a empresa de acollida poderá establecer un nivel mínimo. Hai que ter en conta que un coñecemento básico é necesario para poder desenvolverse no día a día.

Por outro lado, a persoa participante deberá realizar unha avaliación en liña da súa competencia lingüística (ao inicio e ao final do período de mobilidade) na lingua principal de ensino ou de traballo.

Que apoio lingüístico ofrece o programa?

O programa ofrécelles apoio lingüístico ás persoas participantes mediante unha ferramenta en liña: Online Linguistic Support (OLS).

O apoio lingüístico en liña abarca dúas facetas: a avaliación das competencias lingüísticas (ao inicio e ao final da mobilidade), mediante un test de carácter obrigatorio e a posibilidade de seguir formándose mediante a plataforma.

O uso da ferramenta non ten ningún custo para as persoas participantes.

En que idioma se pode realizar o curso en liña de preparación lingüística?

A preparación lingüística pode realizarse na lingua oficial do país de destino ou na de traballo das e dos participantes.

Axudas de mobilidade

Que gastos cobre a axuda de mobilidade?

Cada participante recibe unha axuda de apoio individual destinada a cubrir os gastos de aloxamento, manutención e transportes locais, e unha axuda para os gastos de viaxe, para o desprazamento de ida e de volta entre a cidade de orixe e a de destino.

A axuda de mobilidade pode non cubrir todos os gastos nos que incorran as persoas participantes.

As axudas de mobilidade concedidas ás persoas participantes están financiadas co apoio da Comisión Europea.

Que importe de axuda vou recibir?

A axuda para os gastos de viaxe é unha cantidade fixa que se establece en función da distancia en quilómetros en liña recta desde o punto de orixe (centro educativo) ata o de destino (cidade de realización das prácticas).

Para o proxecto "Erasmus+" 2024, os importes son os seguintes:

Distancias Desprazamento estándar Desprazamento ecolóxico
10-99 km 28 € 56 €
100-499 km 211 € 285 €
500-1.999 km 309 € 417 €
2.000-2.999 km 395 € 535 €
3.000-3.999 km 580 € 785 €
4.000-7.999 km 1.188 € 1.188 €
8.000 km ou máis 1.735 € 1.735 €

A axuda destinada ao apoio individual calcúlase en función do número de días da mobilidade e en función das tarifas establecidas pola Comisión Europea para cada país. Para o proxecto "Erasmus+" 2024 os importes son os seguintes:

Países do programa
Terceiros países non asociados ao programa
Estudantes
Apoio individual por día (€)
Día 1-14 Día 15-365
Alemaña, Austria, Bélxica, Dinamarca, Finlandia, Francia, Irlanda, Islandia, Italia, Liechtenstein, Luxemburgo, Noruega, Países Baixos e Suecia.
Terceiros países non asociados ao programa do Grupo 1
70 € 49 €
Chequia, Chipre, Eslovaquia, Eslovenia, España, Estonia, Grecia, Letonia, Malta e Portugal.
Terceiros países non asociados ao programa do Grupo 2
61 € 43 €
Bulgaria, Croacia, Hungría, Lituania, Macedonia do Norte, Polonia, Romanía, Serbia e Turquía.
Terceiros países non asociados ao programa do Grupo 3
51 € 36 €

Pódese recibir algunha axuda económica por parte da empresa de prácticas?

A empresa é libre á hora de decidir pagarlle á persoa participante algunha axuda económica para sufragar os gastos da estancia. Esta axuda é compatible coa que presta o programa "Erasmus+".

Como se recoñecen as prácticas realizadas?

Mediante os seguintes instrumentos de recoñecemento da formación e competencias adquiridas durante a mobilidade:

  • Documento de mobilidade Europass. É un documento oficial no que se rexistran as experiencias de aprendizaxe noutros países europeos e que valida os resultados de aprendizaxe obtidos. Tramítao a Deputación, que llo enviará ás persoas participantes ao finalizar a súa mobilidade.
  • Certificado de fin de estancia na empresa

Como se xestiona o aloxamento no destino e a viaxe?

Son as propias persoas participantes do proxecto as que teñen que responsabilizarse persoalmente de xestionar, reservar e comprar os billetes para os diferentes medios de transporte necesarios para chegar á cidade de prácticas. O mesmo acontece co aloxamento.

Que seguro de viaxe me cobre durante a mobilidade?

Para garantir a seguridade de cada persoa participante , esta contará cun seguro de viaxe que contrata a Deputación de Pontevedra e que contempla gastos médicos, cirúrxicos, farmacéuticos, de hospitalización, de ambulancia, de repatriación ou transporte de feridos, enfermos ou falecidos, de desprazamento dun acompañante e gastos de estancia, de regreso en caso de falecemento dun familiar, de envío de medicamentos, de accidentes, enfermidade, invalidez e responsabilidade civil durante toda a mobilidade.

Ademais, cada persoa participante deberá tramitar a tarxeta sanitaria europea, en caso de ter dereito a ela.

Contacto

Proxecto Erasmus Plus

Servizo de Promoción de Emprego e Desenvolvemento Local

Pazo provincial. Avda. Montero Ríos, s/n 36071 Pontevedra

Mailmobilidade.fp@depo.es
Tel.: 986 804 100

Este proxecto foi financiado co apoio da Comisión Europea. Esta comunicación é responsabilidade exclusiva do seu autor. A Comisión non é responsable do uso que poida facerse da información aquí difundida.