Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento

Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento

A Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento naceu o 1 de xuño de 1991 da man de dúas organizacións xa desaparecidas: Comisión Galega pro-Amazonia e Estudantes Solidarios. A estas dúas entidades se lles sumaron, aos poucos, moitas outras organizacións e hoxe, trinta anos despois, a entidade conta con 43 organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento (ONGD) asociadas.

A maioría son ONGD galegas que, xunto ás delegacións de organizacións estatais e internacionais, forman unha coordinadora heteroxénea que representa máis de 26.000 persoas entre socias, voluntarias e traballadoras.

Misión

Trátase dunha plataforma social e política de ONGD comprometidas coa consecución da xustiza social e coa fin das desigualdades globais que traballan desde Galicia para construír un modelo de cooperación transformadora baseado no desenvolvemento sostible e no enfoque feminista e de dereitos humanos.

Visión

Quere ser unha organización formada pola gran maioría das organizacións da sociedade civil que desde Galicia traballan activamente por promover e garantir os dereitos sociais, políticos, civís, económicos e culturais de todas as persoas a nivel global. Así mesmo, confía na consolidación dunha política pública e social de cooperación de calidade, eficiente, sostible e transformadora no marco da coherencia de políticas. A súa visión é a dun mundo onde a equidade e a igualdade de oportunidades estean aseguradas, onde prevaleza a cultura da paz e as relacións se baseen na ética dos coidados e nos principios de non discriminación, solidariedade e cooperación.

Actuacións

As actuais liñas de traballo da coordinadora decidíronse de forma consensuada no proceso de redacción do plan estratéxico vixente:

  • Incidencia política. É o traballo que se leva a cabo en Galicia co obxectivo de contribuír a un modelo de desenvolvemento global xusto, construído de forma participada e ambientalmente sostible para que todas as persoas teñan acceso a unha vida digna e ao pleno exercicio dos seus dereitos sociais, políticos, civís, económicos e culturais. Para iso, incídese nas administracións públicas, nos partidos políticos e noutro tipo de organizacións que toman decisións que afectan a vida das persoas, para que sexan responsables cos seus compromisos contra a pobreza global e as desigualdades.
  • Comunicación e cambio social. Desde a coordinadora contribúese a fortalecer unha cidadanía informada, crítica e solidaria que participe na transformación social e política en ámbitos coma a loita contra a pobreza global e as desigualdades, a garantía da equidade e da igualdade de oportunidades, a defensa dos dereitos de todas as persoas, a sostibilidade ambiental… Para iso emprega, entre outras, ferramentas de comunicación para o desenvolvemento que permiten darlles voz ás persoas, principalmente aos sectores máis oprimidos e invisibilizados da sociedade, para que expresen a súa propia visión das problemáticas e teñan un papel protagonista no cambio social.
  • Representatividade da coordinadora. Nesta liña de traballo promóvense as boas prácticas do sector ao impulsar a mellora da transparencia, o bo goberno e o cumprimento do código de conduta por parte das organizacións.
  • Desenvolvemento organizativo. Impúlsase o fortalecemento da coordinadora a partir da promoción da súa sostibilidade e incentivando a participación das ONGD socias no seu día a día.

Datos de contacto

Avenida de Rodríguez de Viguri 6, 1.º, 15703 Santiago de Compostela