Asociación Gallega contra las Enfermedades Neuromusculares
ASEM Galicia
- Vigo e Pontevedra
- 986 378 001, 698 140 728 e 604 088 358
- info@asemgalicia.com
- www.asemgalicia.com
A Asociación Gallega contra las Enfermedades Neuromusculares (ASEM Galicia) é unha entidade sen ánimo de lucro que foi declarada de utilidade pública.
A súa misión e obxectivo é contribuír a difundir, sensibilizar e facilitar información sobre a realidade e as necesidades específicas das persoas que padecen este tipo de enfermidades entre os organismos da Administración pública, as e os profesionais sociosanitarios, o estudantado e a poboación en xeral, para así mellorar a calidade de vida das persoas afectadas e atender as súas necesidades e as das súas familias.
ASEM Galicia está formada por persoas afectadas, familiares e outras que, de xeito desinteresado, apoian e orientan quen padece algunha enfermidade neuromuscular.
Conta cos seguintes programas:
- Servizo de ASEM Informa
ASEM traballa para darlles soporte, acollida e información a persoas diagnosticadas e familiares que conviven con enfermidades neuromusculares. A sensibilización e a concienciación social coas patoloxías neuromusculares son un labor fundamental da entidade, para o que realizan campañas e actividades de visibilidade que promoven a inclusión social e a superación de barreiras arquitectónicas e sociais. - Programa “VAVI”
“Vida autónoma, vida independente”. Neste proxecto trabállase para fomentar e facilitar a autonomía e a independencia das persoas afectadas por unha enfermidade neuromuscular a través do apoio dunha ou dun asistente persoal ou dunha ou dun traballador social. Está dirixido a persoas cunha enfermidade neuromuscular que, nalgún momento do desenvolvemento da súa enfermidade, precisen axuda para poder realizar actividades. - Servizo de Fisioterapia
De vital importancia para as persoas afectadas por unha enfermidade neuromuscular, debido a que non existen tratamentos curativos, só de rehabilitación. O obxectivo deste servizo é manter as capacidades funcionais das persoas afectadas para retardar graos superiores de dependencia e limitar a aparición de deformidades e dores. - Programa de cultura, ocio e participación inclusiva
Organízanse actividades de todo tipo e para todos os públicos. Realízanse actividades con persoas que teñan necesidades especiais de adaptación e aquelas que non precisen ningunha asistencia para traballar a inclusión e a sensibilización
Contacto
Sede (Vigo)
Rúa Martínez Garrido, 21, interior, 36205 Vigo (entrada adaptada pola rúa Pateira a carón da Policía autonómica). Horario da oficina: de luns a venres, de 9.30 a 14.30 horas.
Delegación (Pontevedra)
Rúa Benito Corbal, 45, planta 3, despacho 14. 36001 Pontevedra