Asociación Galega de Fibrose Quística

AGFQ
Asociación Galega de Fibrose Quística

A Asociación Galega de Fibrose Quística naceu en 1985 e a súa principal misión é contribuír ao coñecemento, ao estudo e á investigación sobre a fibrose quística (FQ), así como promover e levar a cabo todo tipo de accións dirixidas a mellorar a situación das persoas con FQ e a das súas familias.

Algunhas das súas principais finalidades son: proporcionarlles información sobre esta enfermidade ás e aos profesionais sanitarios, ás socias e socios e ás familias para que teñan un mellor coñecemento sobre a FQ e unha maior implicación; apoiar e representar o colectivo de persoas con FQ e garantir os seus dereitos; desenvolver actividades para a súa plena integración escolar, laboral e social; e orientar e desenvolver programas e actividades relacionadas coa promoción e participación o coa atención á infancia e á mocidade, entre outros.

Actualmente, a asociación está formada por máis de 223 persoas, repartidas entre as catro provincias da comunidade galega; entre elas atópanse membros con FQ, familiares e persoas sensibilizadas coa causa.

Actuacións

  • Traballo social: servizo de información e orientación, desde o que se lles proporciona información, se recollen as demandas e se lles ofrece asesoramento a todas aquelas persoas que se poñen en contacto coa asociación.
  • Fisioterapia respiratoria a domicilio: constitúe un dos tratamentos fundamentais e obrigados nas e nos pacientes con FQ; supón o 80 % dos diferentes tratamentos destas persoas en canto a beneficios de saúde se refire, xa que, de non realizarse, a súa vida correría perigo. Debe levarse a cabo de forma regular, diaria e, na maioría dos casos, varias veces ao día.
  • Psicoloxía: ofrécense descontos en clínicas de psicoloxía en toda Galicia e a asociación asume parte do custo da sesión.
  • Actividades divulgativas e colaborativas: a asociación promove e participa nunha serie de actividades nas que o obxectivo principal é darlle visibilidade á FQ e posicionar a entidade.

Datos de contacto

Rúa das Teixugueiras 15, 36212 Navia (Vigo)