Asociación de Persoas con Discapacidade das Comarcas do Condado e da Paradanta
ADAPTA
A Asociación de Persoas con Discapacidade das Comarcas do Condado e Paradanta (ADAPTA) é unha entidade sen ánimo de lucro que ten como misión conseguir a plena inclusión das persoas con discapacidade en todos os ámbitos da sociedade, a través da defensa e promoción dos seus dereitos, da reivindicación do cambio social e da prestación de servizos que satisfagan as súas necesidades e expectativas.
Dirixímonos principalmente ao colectivo das persoas con discapacidade dos concellos que forman as comarcas do Condado (Ponteareas, Salvaterra de Miño, As Neves, Mondariz e Mondariz-Balneario) e da Paradanta (Covelo, A Cañiza, Arbo e Crecente) e tamén ás familias, persoas coidadoras e á poboación en xeral.
Ofrecemos información e orientación en trámites relacionados coa discapacidade e coa formación dirixida a persoas con discapacidade: cursos de informática, obradoiros de memoria, pintura etc.
Temos tamén un programa de promoción da saúde no que se inclúen servizos coma o de fisioterapia e rehabilitación da linguaxe e da fala, ademais de actividades de ximnasia e natación terapéutica. Organizamos actividades de lecer e programas de sensibilización.
Como novidade, actualmente estamos traballando nun proxecto que esperamos ter activo en 2023. Tratase do servizo de atención diúrna terapéutica para persoas con discapacidade, que se concibe como unha alternativa de atención dirixida a persoas dependentes, preferentemente con discapacidade física, que pola súa situación demandan unha atención especializada.
As persoas con dependencia con idade igual ou superior aos 16 anos recibirán atención integral durante o período diúrno co obxectivo principal de mellorar ou manter o seu nivel de autonomía persoal, formación ou habilidades prelaborais, ademais de apoiar as súas familias ou as persoas coidadoras.
Este servizo está destinado preferentemente a persoas con discapacidade física ou dependencia, de entre 16 e 65 anos, procedentes das comarcas do Condado e da Paradanta. Ofrecerá atención profesional, programas de rehabilitación, educación básica, obradoiros artesanais e formativos, actividades de lecer, deportivas e culturais, e transporte adaptado.
Datos de contacto
Centro Asprodico. Barrio de Canedo, s/n, 36860 Ponteareas