Asociación Centro Xuvenil Abertal
- Vigo
- 986 225 662 e 606 644 246
- abertal@abertal.org
- abertal.org/
Obxecto da entidade
Somos unha asociación que nace en xaneiro de 1979 vencellada á presenza salesiana de Vigo e que ten por finalidade xeral contribuír á educación e á promoción integral da infancia e da mocidade no tempo libre , dándolle importancia ao ambiente, aos grupos e á relación persoal.
Pertencemos á Federación de Centros Xuvenís Don Bosco de Galicia, da que Abertal é socia fundadora xunto cos distintos centros xuvenís salesianos do país, que traballa no eido da prevención, da educación no tempo libre, da animación xuvenil e na promoción da lingua e da cultura galegas e do desenvolvemento sociocultural.
Poboación destinataria
Co conxunto de actividades que se propoñen desde a asociación pretendemos abarcar todo o colectivo da infancia e da mocidade.
O protagonismo xuvenil é a característica fundamental desta oferta de actividades. Así, a metodoloxía céntrase en que os mozos e mozas participen en todo o proceso de deseño, elaboración e desenvolvemento dos proxectos, e apóianse na medida do posible as propostas de actividades autoxestionadas de mozas e mozos que nos chegan.
As súas actuacións principais:
- Para as nenas e os nenos:
- Alternativa Vaivén: oferta de lecer para os sábados pola mañá, integrada no Itinerario de Educación na Fe, que comeza nos 6 anos con Cativos, pasa por Andaina e remata en ADS, aos 14 anos.
- Xinxín e CaixaProinfancia: son dous programas de apoio educativo e ocio saudable e integrador. Nestes proxectos trabállase en rede cos centros educativos dos que proceden as e os rapaces.
- Campamento Urbano: é unha oferta gratuíta de lecer educativo, aberta a todas as nenas e nenos (dos 8 aos 14 anos), que consiste na realizar un campamento na propia cidade.
- Mañás de…: proxecto lúdico que facilita a conciliación familiar nas épocas de Nadal, Entroido, Semana Santa, verán e setembro, dirixido a nenas e nenos de entre 3 e 12 anos. Nalgúns casos ofrécese servizo de madrugadores e friameira.
- Para a mocidade:
- Catecumenado: grupos xuvenís de maduración cristiá, destinados a mozos e mozas de entre 16 e 20 anos que se reúnen semanalmente e procuran “coñecerme, coñecernos e coñecelo (Xesús)”.
- Campamento Urbano: experiencia ou toma de contacto cos campamentos e aprendizaxe da súa dinámica para mozas e mozos maiores de 16 anos. O Urbano Xuvenil, actividades lúdicas para as persoas voluntarias.
- Club de Ocio: un grupo de voluntarias e voluntarios acompaña no seu tempo de lecer a persoas con diversidade funcional todos os sábados (de tarde e de noite).
- Sala de Xogos: espazo aberto á xente moza para asistir a actividades puntuais ou desenvolver novos proxectos do seu interese.
Datos de contacto:
Rúa Venezuela, 3, baixo, 36203 Vigo