#LINGUA

Correlingua

A Deputación volve apoiar este ano a realización do Correlingua na provincia


A Asociación Cultural Correlingua conta coa colaboración anual da Deputación de Pontevedra, xa que se trata da iniciativa máis importante no ámbito da normalización lingüística que se desenvolve nos centros escolares, e que non só se centra no alumnado, senón que tamén serve para concienciar as nais e os pais, co obxectivo de contribuír á expansión do idioma a situacións de espazos colectivos e de interacción da mocidade de diferentes centros e localidades, e que a rapazada se implique con plena normalidade na transmisión deste patrimonio.

Para isto, propóñense diversas actividades, como a Festa Correlingua, obradoiros Desata a Lingua, Regueifando!, para os centros de ensino, ou concursos (Crealingua para escolares e Cantalingua para agrupacións musicais en galego), para atraer e impulsar o uso e mais a creación en galego. Ademais, o proxecto ofrece dúas unidades didácticas para centros coas que se procura a reflexión e o debate sobre o uso da lingua.

No pasado 2023 as vilas pontevedresas de Ponteareas, Moaña, A Estrada e mais a cidade olívica gozaron coa participación das e dos escolares en cadansúa Festa Correlingua, nas que se realiza unha carreira pola lingua, lectura de manifesto e actuación musical de grupos participantes no Cantalingua. 

A achega do ente provincial neste 2024 ascende a 15.000 euros para o desenvolvemento de todas estas accións.

Ligazóns de interese