#PONTEVEDRA

Conversas con Arte

Ciclo de conferencias

Trátase dun ciclo de conferencias que reivindica Pontevedra como berce e lugar de acollida de importantes personalidades do mundo da arte ao longo da historia.


Esta nova proposta cultural da Deputación de Pontevedra pretende axudar a difundir entre o gran público as diferentes manifestacións artísticas que xurdiron e seguen a abrollar nesta dinámica provincia.

Conversas con arte na Deputación de Pontevedra con

 

Gervasio Sánchez

Luns 25 de novembro, ás 19h, no salón de plenos da Deputación de Pontevedra

Gervasio Sánchez (Córdoba, 1959) é licenciado en Xornalismo. Traballou como independente para diferentes medios, como a Cadena Ser, o servizo español da BBC ou El Heraldo de Aragón, e especializouse en conflitos armados, ademais de publicar numerosos libros fotográficos. Foi enviado especial en numerosas guerras en América do Sur, na guerra do Golfo, noutros conflitos na antiga Iugoslavia ou nos continentes de África e Asia. Desde 2001 dirixe o Seminario de Fotografía e Xornalismo da Fundación Santa María de Albarracín, tamén é mestre da Fundación Gabo (Gabriel García Márquez), membro de honra da Universidade de Málaga e presidente de honor da Asociación Fotográfica Cordobesa (AFOCO).

Entre os seus numerosos premios salientan o Premio Nacional de Fotografía, a Gran Cruz da Orde Civil da Solidariedade Social, os de Mellor Xornalista do Ano da Asociación da Prensa de Aragón e Mellor Traballo Gráfico do Club Internacional de Prensa de Madrid pola súa cobertura da guerra de Bosnia, o Premio de Andalucía de Cultura na modalidade de fotografía, o título de Enviado Especial da UNESCO pola Paz ou a Medalla ao Mérito Profesional do Goberno de Aragón.


César Antonio Molina

“Que facemos cos humanos?”

Xoves 24 de outubro de 2024, ás 19 h, no salón de plenos da Deputación de Pontevedra

Licenciado en Dereito e en Ciencias da Información e doutor en Literatura, foi profesor de Teoría e Crítica Literaria na Universidade Complutense e de Humanidades na Carlos III. Tamén foi profesor convidado en varias universidades americanas e europeas, e é doutor honoris causa pola Universidade de Nápoles A Oriental.

Así mesmo, exerceu como director adxunto en Diario 16, dirixiu o Círculo de Belas Artes de Madrid, o Instituto Cervantes, a Casa do Lector e foi ministro de Cultura.

Poeta antologado e traducido, excelente crítico literario e columnista político, é autor de máis de medio cento de libros. Son tamén numerosos e exitosos os seus volumes de ensaio, entre os que se atopa La caza de los intelectuales.


ANTÓN PULIDO

Martes 14 de maio de 2024, ás 19 h no salón de plenos da Deputación de Pontevedra

Nado en Amoeiro en 1944, Antón Pulido está asentado en Vigo desde hai máis de catro décadas, tempo suficiente para consolidarse como un dos pintores galegos de maior relevancia internacional. Solvente no seu percorrido expresionista nos anos sesenta e tamén nos períodos máis intimistas, o artista aposta na década dos 90 pola xeometría espacial. Pulido gozou sempre do aplauso do público e da crítica, e conta con importantes recoñecementos coma o Premio da Crítica de Galicia en Artes Plásticas ou o Premio Trasalba a toda unha vida dedicada á arte.


José María Barreiro

Martes 9 de abril de 2024, ás 19 h no salón de plenos da Deputación de Pontevedra

Nado en Forcarei (1940), José María Barreiro trasladouse a París en 1963 para estudar a obra de Picasso, Duffy e Matisse e, tras unha estancia en Vigo na que compartiu estudio con Urbano Lugrís, en 1969 trasladouse a Bos Aires convidado por Laxeiro, onde coñeceu a Luis Seoane. Tras máis de seis décadas de produción artística, Barreiro é hoxe un dos grandes referentes da pintura galega a nivel internacional. Expuxo en Madrid, Barcelona, a Arxentina, o Brasil, Portugal e os Estados Unidos.