O vicepresidente Rafa Domínguez inaugura a xornada Recuperando o pasado para construír o futuro
21/12/2024
O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, inaugurou hoxe no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra a xornada de memoria democrática Recuperando o pasado para construír o futuro. “Temos, como responsables políticos, a misión de loitar contra as inxustizas e por iso, desde a Deputación de Pontevedra, temos un compromiso coa difusión da memoria democrática”, asegurou o vicepresidente. Durante a inauguración do encontro recordou, ademais, que “debemos lembrar a quen loitou por unha sociedade máis xusta e igualitaria e, ao mesmo tempo, fomentar unha reflexión colectiva”.
“Queremos recuperar a memoria dun tempo escuro a través da historia de persoas ou entidades que traballaron para construír unha sociedade máis xusta, igualitaria e democrática”, asegurou o vicepresidente provincial sobre esta xornada ao tempo que puxo en valor actividades como esta, que serven para “estudar e aprender do pasado desde o presente para poder manter viva a memoria e facer fincapé nas inxustizas que se viviron en tempos escuros”
Nas xornadas presentouse o documental “Crónicas da Galicia mártir: Alexandre Bóveda”, de Xan Leira. Tamén houbo unha análise, moderada por María Díaz, na que participaron Valentín García Bóveda e Xan Leira, e unha mesa de debate sobre Memoria é/e máis/mais Democracia conducida por Valentín García Bóveda e na que participaron Ernesto Vázquez-Rey Farto, Xosé Fortes e Amalia Bóveda. “Non é unha simple xornada. É unha portunidade para visibilizar as voces de quen foron silenciados e un compromiso coas xeracións futuras, para que as nosas mozas e mozos poidan construír un futuro no que non se cometan os tráxicos erros do pasado”.