A Deputación analiza o estado de execución das obras de mellora da seguridade viaria na EP-9702 As Sinas- Vilanova de Arousa, na que está a investir preto de 200.000 euros
A deputada de Infraestruturas Públicas, Isabel Couselo, percorreu xunto ao alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán, e o concelleiro e tamén deputado provincial Javier Tourís, o tramo no que se están a executar as melloras
07/05/2024
A deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación, Isabel Couselo, percorreu xunto ao alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán, e o concelleiro e tamén deputado provincial Javier Tourís, o tramo da estrada provincial EP-9702 As Sinas-Vilanova, no que se están a executar obras de mellora da seguridade viaria. A Deputación de Pontevedra está a financiar o 100% desta actuación á que destina preto de 200.000 euros e permitirá repoñer o firme e reordenar o tráfico ao longo de todo o trazado da vía.
Isabel Couselo subliñou que “é un obxectivo prioritario do Goberno provincial o mantemento e bo estado das estradas provinciais e esta obra que estamos a acometer en Vilanova de Arousa é unha boa mostra disto”. Neste eido, incidiu na importancia de sanear e reforzar o firme das estradas provinciais xa que “é imprescindible para alongar a súa vida, garantir a súa seguridade e evitar ter que acometer obras maiores”. Neste eido, a deputada de Infraestruturas Públicas lamentou que o Goberno de España non teña realizado o mesmo traballo nas estradas nacionais que atravesan a provincia de Pontevedra xa que, “a ausencia de mantemento nestas vías de titularidade estatal nos últimos anos vai implicar que para garantir a súa seguridade teña que realizarse un esforzo inversor moito maior”.
As obras de mellora permitirán dotar á estrada provincial dunha maior seguridade viaria coa reposición de firme nun trazado de 800 metros da vía e o ordenamento do tráfico, co obxectivo de salvagardar a debida prestación do servizo público. Deste xeito, a actuación a desenvolver na EP-9702 contempla a reparación da estrada mediante saneos e freado dunha franxa lateral da capa de rodadura existente, a aplicación dun tratamento superficial e a reposición do firme mediante a extensión dunha capa de formigón en quente. Ademais, executaranse pasos de peóns sobreelevados e repoñerase a sinalización horizontal e vertical.
O Goberno de Luis López completa con esta actuación de 200.000 euros outros investimentos realizados xa na mesma estrada provincial EP-9702 As Sinas-Vilanova como a mellora dun tramo previo, na que investiu máis de 257.000 euros, ou a reparación dun muro de contención, cun investimento de máis de 83.000 euros.