O goberno de Luis López incrementa en máis dun 20% o orzamento en Cultura no primeiro ano á fronte da Deputación, promovendo as múltiples expresións artísticas galegas como nunca antes se fixera
Con preto de 5 millóns de euros a institución provincial ten optimizado todos os programas culturais, cuxas diferentes liñas incrementaron a súa contía entre o 10 e o 25%, apostando por converter aos concellos e entidades en protagonistas da programación da Deputación
09/07/2024
O goberno de Luis López ten incrementando no primeiro ano á fronte da Deputación o orzamento en Cultura en máis dun 20%, aumentando todas as liñas de subvencións para promover as múltiples expresións artísticas galegas como nunca antes se fixera. Deste xeito, con preto de 5 millóns de euros destinados a Cultura, a área de goberno que dirixe Jorge Cubela, a institución provincial ten optimizado todos os programas culturais cuxas diferentes liñas incrementaron a súa contía este ano entre o 10 e o 25% apostando, ademais, por converter aos concellos e entidades en protagonistas da programación da Deputación.
Os principais programas, Culturea, +Música e o de teatro, teñen incrementado o orzamento entre o 20% e o 25%. O primeiro deles, Culturea, cun orzamento dun millón de euros (25% máis que o ano pasado) vai dirixido a asociacións de veciños e comisións de festas da provincia que poden solicitar actuacións de ata 1.300 grupos de música, teatro ou, entre outras disciplinas, danza. Pola súa banda, +Música conta neste 2024 cun orzamento de 600.000 euros, o que supón un 20% máis que o destinado polo goberno anterior, cos que os 59 concellos de menos de 50.000 habitantes están a programar actuacións de música. Finalmente, o programa de teatro nos concellos supera os 150.000 euros e supón, igual que o anterior, un incremento dun 20% con respecto ao 2023.
O mesmo acontece coas diferentes liñas de subvencións que xestiona o servizo de Cultura, que supoñen un incremento de entre un 10% e un 20%. Así, a liña de axudas dirixidas a festivais audiovisuais ou a festivais musicais e de artes escénicas, ambas dotadas con 165.000 euros, subiron un 10%. Pola súa banda a liña de patrocinios de producións audiovisuais tense incrementado un 17%, con 105.000 euros en total, e inclúe como novidade con respecto ao ano anterior o patrocinio de series. Ademais as axudas para actividades culturais incrementáronse nun 20%, cun orzamento global de 300.000 euros cos que se poderá facer fronte a actividades, intercambios e participacións en festivais nacionais e internacionais. Finalmente, aínda que están sen convocar, está previsto que as axudas para escolas de música medren en máis dun 11%, chegando aos 100.000 euros neste primeiro ano de mandato de Luis López á fronte da Deputación de Pontevedra.
A área de Cultura que xestiona Jorge Cubela está traballando para incrementar, de cara aos vindeiros exercicios, a súa dotación orzamentaria, para avanzar na conservación da cultura, na recuperación e difusión das tradicións galegas, na protección e difusión do patrimonio material e inmaterial da provincia, así como na realización de actividades de promoción cultural e turística. Contempla, ademais, recuperar ao longo deste mandato as axudas destinadas a colectivos para a adquisición de instrumentos e vestiarios e prevé impulsar unha programación cultural que englobe programas e actividades que se prevén realizar tanto nos concellos como nos espazos propios da Deputación.