A Deputación mantén aberto ata o próximo xoves o prazo para que os concellos soliciten os recursos para a promoción da igualdade e a loita contra a violencia de xénero
A institución provincial mobilizará un total de 260.000 euros entre os concellos de menos de 20.000 habitantes, e o prazo de solicitude rematará este xoves 27 de febreiro
22/02/2025
A Deputación de Pontevedra pechará este xoves 27 de febreiro o prazo para que os concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia soliciten as axudas para a promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e a loita contra a violencia de xénero, dotadas de 260.000 euros. A través das axudas provinciais os concellos beneficiarios poderán promover actuacións de cara a conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria.
Entre as accións que poden conseguir financiamento atópanse o impulso dos seus plans municipais de igualdade, actividades de sensibilización, formación e prevención da violencia machista, tamén proxectos para mellorar a atención integral ás vítimas de violencia de xénero, aos seus fillos e dependentes ao seu cargo, ademais de actividades para mellorar a formación, a orientación para o emprendemento e a inserción laboral das mulleres. Tamén poderán financiar campañas de difusión e sensibilización en materia de igualdade, proxectos e iniciativas xurdidas dos acordos das mesas locais contra a violencia de xénero, crear redes de apoio para fomentar a corresponsabilidade ou tamén contratar persoal especialista para proxectos específicos.
Cada concello recibirá unha contía máxima de 6.000 euros, e a achega será compatible con axudas doutras administracións. Ademais destes recursos, a Deputación ten xa mobilizados outros 200.000 euros co mesmo fin para as entidades sociais da provincia, co que o investimento total da Deputación este ano nas liñas de axudas por concorrencia en materia de igualdade ascende a 460.000 euros.