A Deputación ten aberta ata este domingo a exposición ‘Berta Cáccamo. Correspondencias de arquivo’ no Museo de Pontevedra

No contexto da exposición, o venres 7 de xuño terá lugar un seminario sobre arquivos de artistas que reunirá no Museo de Pontevedra aos responsables da dirección e das coleccións dalgúns dos principais centros de arte de España

04/06/2024

Exposición de Berta Cáccamo

Esta semana é a última para visitar no Museo de Pontevedra a exposición Berta Cáccamo. Correspondencias de arquivo, que pecha as súas portas o domingo 9 de xuño. A exposición encádrase no contexto da doazón ao Museo do arquivo da artista, e son precisamente as vinculacións entre os seus bosquexos, cadernos, fotografías e obxectos, expostos en vitrinas, e as pinturas situadas nas paredes do Edificio Castelao, as que converten esta mostra nunha ocasión única para achegarse dunha maneira diferente á obra unha creadora fundamental na arte galega e española das últimas décadas.

A mostra está comisariada por Juan de Nieves, que forma parte do equipo do Legado Berta Cáccamo.  O Legado foi constituído en 2018 por familiares e amigos da artista viguesa, logo do seu prematuro falecemento, co obxectivo de manter viva a súa memoria e de difundir a súa obra. Berta Cáccamo. Correspondencias de arquivo é o colofón deste traballo de posta en valor.

Parte da documentación que pasará a formar parte do arquivo do está agora na exposición, para que o público poida contemplar as conexións entre os diferentes rexistros presentes no arquivo de Berta Cáccamo e a súa obra pictórica. Nas 15 vitrinas instaladas na exposición, móstranse 30 cadernos, diarios e libros de artista; fotografías de obras, persoais e de viaxes, e 26 obxectos atopados e levemente manipulados que nos axudan a entender o seu universo estético.

Con eses rexistros do arquivo dialogan as arredor de 40 pinturas e máis de 30 debuxos que se exhiben na mostra. Foron creados nas diferentes cidades nas que viviu Cáccamo ao longo dos 33 anos de traxectoria que cobre a exposición, desde mediados dos 80 ata 2018: Vigo, Barcelona, París e Roma. Xunto a un amplo conxunto de obras pertencentes ao Legado Berta Cáccamo, atópase obra cedida para esta exposición polo Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía e as coleccións La Caixa, Banco de España, Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e Afundación.

Seminario sobre arquivos de artistas

No contexto da exposición, este venres 7 de xuño, o Museo reunirá ao responsables da dirección e das coleccións dalgúns dos principais centros de arte en España nun seminario para reflexionar sobre o papel dos arquivos de artistas como ferramentas de investigacións nos museos. O acceso ao seminario é libre. Á aquelas persoas que que se inscriban previamente en reservas.museo@depo.gal, entregaráselles un certificado de asistencia.

No seminario participarán Manuel Segade, que esta semana cumprirá un ano á fronte do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía; Beatriz Herráez, directora do Museo de Arte Contemporáneo do País Vasco Artium Museoa, e a responsable da biblioteca e centro de documentación do mesmo museo, Elena Roseras;  Eduard Vallès, xefe de coleccións do Museo Nacional de Cataluña (MCAC); Javier Hontoria, director do Museo Patio Herreriano de Valladolid; Mela Dávila Freire, doutoranda na Escola Superior de Belas Artes de Hamburgo (HFBK Hamburg); Irene García Chacón, da Universidade de Valladolid; Juan de Nieves e Xosé María Álvarez Cáccamo, en representación do Legado Berta Cáccamo. O seminario está dirixido por Juan de Nieves e Agar Ledo Arias.

Berta Cáccamo

Berta Álvarez Cáccamo (Vigo, 1963 - Vigo, 2018), comezou a súa carreira como artista a mediados da década de 1980. Licenciada en Belas Artes pola Facultade San Jordi de Barcelona, doutorouse nesta facultade e posteriormente na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, onde exerceu a docencia de 1995 a 2013. Gozou de bolsas coma a Manuel Colmeiro da Xunta de Galicia en 1987 e a de Creación Artística Banesto en Madrid en 1990. Obtivo o segundo premio na XXI Bienal de Pontevedra, co que fixo dunha estancia na Cidade Internacional das Artes en París entre 1990 e 1991. En 1992 e 1993 foi bolseira na Academia de Belas Artes de Roma.

Galerías e centros dedicáronlle preto de 40 exposicións individuais, entre elas Expansión ensaio, no CGAC, en 2017, e Horas felices, un transitar, no Museo Patio Herreriano de Valladolid, en 2022. Ademais, expuxo de forma individual en espazos de Vigo, A Coruña, Madrid, Baiona, Barcelona, Porto, Palma de Mallorca, Zaragoza, Santiago de Compostela, Palencia, Eivisa, San Sebastián, Cambados e Ferrol. Tamén estivo presente a súa obra en arredor dun cento de exposicións colectivas en Galicia, España, Portugal, Francia, Italia, Estados Unidos, Alxeria, Cuba, México, Suíza e Alemaña.
 
A súa obra gráfica forma parte de varias edicións. Tamén ilustrou libros, entre eles o poemario Tinta de luz, de Xosé María Álvarez Cáccamo (Chan da Pólvora, 2017), que obtivo o premio ao libro ilustrado na III Gala do Libro Galego (2018). Entre a ducia de premios obtidos na súa carreira, destaca o Premio da Cultura Galega na Sección de Artes Plásticas (Xunta de Galicia, 2017).

 

Galerias de imaxes