A Deputación de Pontevedra organiza este xoves 17 de outubro no Museo un seminario para afondar no legado histórico do exilio galego e español en México

Analizarase o rol xogado pola Galería Diana da capital azteca entre 1954 e 1965 na conexión entre exiliados e as novas xeracións artísticas mexicanas

12/10/2024

galería Diana

A Deputación de Pontevedra organiza no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra o próximo xoves 17 de outubro, de 16:00 a 20:00 h, o seminario ‘A Galería Diana de Cidade de México, 1954-1965. Reconstrución histórica dunha galería de arte do exilio galego e español’. A través de dúas conferencias e unha mesa redonda, abordarase a pegada dos artistas exiliados en México e o papel que xogou esta galería histórica. O acceso ao seminario é libre, entregaráselles un certificado de asistencia ás persoas que se inscriban previamente en reservas.museo@depo.gal.

O seminario parte do traballo de Samuel Diz e Beatriz Fontán na investigación, estudo e reconstrución da Galería Diana, que fundou na capital a compositora e pianista Rosita García Ascot e o seu marido, o compositor e musicólogo galego Xesús Bal y Gay. Artistas do exilio como Remedios Varo, Elvira Gascón ou Lucinda Urrusti compartiron espazo coa nova xeración de artistas mexicanos como Ángela Gurría, Pedro Friedeberg ou Héctor Xavier, nun momento de novas inquedanzas que impulsaron o movemento da Ruptura.

A tarde arrancará coa conversa por videoconferencia de Beatriz Fontán con Miriam Kaiser. Ao longo da súa longa traxectoria, Miriam Kaiser (México, 1936) contribuíu á xestión e creación de diversos museos nos que destaca o Nacional de Arte (MUNAL). Tras ser secretaria de Max Aub e traballar con Bal y Gay en Radio UNAM, Kaiser comezou unha dilatada carreira profesional no ámbito da arte, que se recolle no libro ‘Miriam Kaiser: una guerrillera por el amor al arte’ de Angélica Abelleyra (2023).

O seminario reunirá nunha mesa redonda a tres voces expertas para falar da investigación, preservación e difusión do legado artístico do exilio en México: Carmen Gaitán Salinas, autora de ‘Las artistas del exilio republicano español’ (2019); Luis Rius Caso, comisario do exilio español no Museo Kaluz de México; e José García-Velasco, presidente da Fundación Francisco Giner de los Ríos.

O programa completarase coa conferencia de Samuel Diz, concertista e investigador do legado cultural do exilio español, na que ofrecerá unha reconstrución historiográfica da Galería Diana; e unha coda musical a cargo do alumnado do Conservatorio de Música Manuel Quiroga de Pontevedra, que interpretará composicións de Rosita García Ascot.