Rafa Domínguez destaca a importancia do seminario sobre Méndez Núñez para recuperar vínculos con entidades como a Escola Naval
Ao longo da xornada, sete conferencias servirán para tratar desde diferentes ángulos a figura do mariño pontevedrés e os seus fondos conservados no Museo de Pontevedra
02/10/2024
O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, inaugurou esta mañá o seminario ‘No bicentenario de Casto Méndez Núñez’, organizado pola Deputación de Pontevedra a través do Museo de Pontevedra, en colaboración co Instituto de Historia e Cultura Naval e a Escola Naval Militar. O seminario desenvolverase ao longo da xornada de hoxe no Edificio Castelao, con sete conferencias sobre a figura do mariño pontevedrés e os fondos relacionados que conserva o Museo, que concluirá coa apertura dunha instalación temporal de parte deses fondos.
Rafa Domínguez destacou a importancia de que “se recuperen con seminarios como este vínculos do Museo que se perderan nos últimos anos. Creo que esta relación coa Escola Naval vai seguir sendo parte do futuro do Museo”. Domínguez indicou que cando chegou hai un ano á Vicepresidencia, “os edificios centrais do Museo, na praza da Leña, levaban 8 anos cerrados e no proxecto de rehabilitación non aparecía a cámara da Numancia. Nós decidimos que había que recuperala e agora está no proxecto. Se hai algo que impacta a todos os visitantes, é esa cámara, e como responsables políticos temos a obriga de recobrala”.
Na inauguración, o vicepresidente estivo acompañado da directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve; o vicealmirante e académico da Real Academia de Enxeñería, José Manuel Sanjurjo Jul, codirector do seminario; e Pedro Cardona Suanzes, comandante-director da Escola Naval Militar. Ángeles Tilve, destacou que “Méndez Núñez foi unha figura fundamental para a historia naval e militar española e tamén para a historia deste museo. Pontevedra era a súa cidade e a da súa familia, e non podería haber mellor museo que este para gardar a súa memoria.”
Pola súa banda, José Manuel Sanjurjo Sul indicou que Casto Méndez Núñez “non só foi unha figura significativa da historia da Armada española; é para todos foi un exemplo, cun sentido do honor e un espírito de servizo que nos serve de exemplo”. Finalmente o comandante-director da Escola Naval Militar, Pedro Cardona Suanzes, explicou que para os alumnos da escola Méndez Núñez “é unha figura importante, un personaxe íntegro no que se ven moi claros os valores de honor, valor, disciplina e lealdade”.
Programa do seminario
O seminario “No bicentenario de Casto Méndez Núñez”, conmemora os 200 anos do nacemento do mariño con sete conferencias nas que se tratan diferentes aspectos sobre a súa biografía e relevancia histórica e sobre os testemuños que del conservan o Museo Naval de Madrid e o Museo de Pontevedra.
Ao longo dos seus 45 anos de vida, Méndez Núñez realizou unha brillante carreira militar. O punto álxido de popularidade logrouno no combate do Callao, o 2 de maio de 1866, no que foi ferido estando ao mando da escuadra española no Pacífico. Isto supoñeríalle o seu ascenso a xefe de escuadra (contraalmirante no cambio de denominación levado a cabo en 1868). A sona que acadou entón quedou reflectida en diversas homenaxes e felicitacións, a creación de composicións literarias e artísticas e a realización de monumentos na súa lembranza.
A sesión matinal, de 10:30 a 13:30 h, está dedicada ao seu perfil como navegante e militar. Manuel Rolandi Sánchez-Solís abre o seminario cun achegamento aos principais fitos na biografía de Méndez Núñez, seguido da conferencia de Sanjurjo Jul, na que conecta o mariño pontevedrés coas innovacións na revolución naval acontecida no século XIX. Luis Mollá Ayuso traza un percorrido pola súa carreira militar desde o ingreso na escola de Náutica ata o falecemento aos 45 anos.
A sesión de tarde, de 16:00 a 19:30 h, centrarase nos fondos relacionados con Méndez Núñez que conservan o Museo Naval de Madrid e o Museo de Pontevedra. Precisamente abrirá a sesión unha conferencia de Castaño García na que introducirá o público nas coleccións ligadas ao mariño existentes na institución pontevedresa. Juan Escrigas Rodríguez, director do Museo Naval, fará o propio en relación cos fondos deste museo madrileño, apoiado principalmente na súa extensa colección de fotografía persoal. Natalia Fraguas Fernández, conservadora do Museo de Pontevedra, falará da contribución de Méndez Núñez ao coleccionismo científico a partir das cunchas, fósiles, minerais, corais e outros elementos que xuntou nas súas navegacións polo Pacífico e que actualmente se conservan no Museo. A última conferencia estará a cargo de Cristina Echave Durán, tamén conservadora do Museo, que falará da colección de fotografías reunida por Méndez Núñez durante a súa estancia en Latinoamérica entre 1865 e 1868.
Instalación temporal
Con motivo desta celebración exhibirase ata o 10 de novembro, no claustro do edificio Sarmiento, unha selección de pezas que pertenceron ao mariño ou que están intimamente relacionadas con el. Na instalación ocupa unha posición central a maqueta da fragata Numancia, un modelo de 3,10 metros de longo e 1,80 metros de alto contemporáneo da construción entre 1862 e 1864 do que foi un dos barcos máis grandes do seu tempo e o primeiro acoirazado en dar a volta ao mundo.
A maior parte dos fondos que se mostrarán exhibíronse ata 2013 no edificio García Flórez, na sala que recreaba o seu despacho e na reconstrución da cámara da fragata blindada Numancia. A eles hai que engadir outros conservados nas salas de reserva e os que forman parte dos fondos documentais. Inclúense nesta escolma diarios de navegación nos que anotou as vicisitudes das singraduras en diferentes buques, entre eles a fragata blindada Numancia, e outros documentos; fotografías e obxectos persoais.
Ademais, expóñense exemplos que dan conta da súa curiosidade e o seu interese por recoller elementos naturais dos lugares polos que navegaba: buguinas, cunchas, fósiles, minerais e incluso unha caixa con musgos e algas que se cre que Méndez Núñez arrincou do casco da fragata Numancia unha vez concluída a volta ao mundo. Tamén obxectos doutras culturas, como unha alxaba con frechas e unha culler cunha figura tallada, ambos procedentes de Filipinas.