Luis López eloxia o labor do tecido veciñal ante centos de persoas no segundo encontro +Convivir: “Xuntos construímos unha provincia mellor”

O presidente da Deputación participa en Cambados na segunda xornada deste programa provincial xunto a centos persoas integrantes de asociacións veciñais do Salnés nunha tarde de charla sobre o alzhéimer, risoterapia e ximnasia, na que colaborou a Mancomunidade do Salnés

28/09/2024

Segundo encontro +Convivir

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salientou a importancia do movemento veciñal para a dinamizar a vida social e cultural na provincia de Pontevedra e reafirmou o compromiso do goberno provincial para seguir apoiando as numerosas e diferentes actividades que promoven estes colectivos na celebración na Cultural de Cambados da segunda xornada do programa +Convivir, unha actividade deseñada para poñer en valor o labor do movemento veciñal cunha festa na que participaron máis de 300 persoas implicadas en distintas asociacións veciñais da comarca do Salnés. “Mentres en épocas anteriores as asociación veciñais estaban esquecidas e mesmo parecía que estorbaban. Agora é todo o contrario, contamos con vós, poñemos recursos á vosa disposición e queremos camiñar con vós para construír unha provincia mellor, máis xusta, integradora e unida”, afirmou o mandatario provincial na apertura desta xornada celebrada nesta tarde de sábado, que contou coa colaboración da Mancomunidade do Salnés.

Despois de que o presidente Luis López, acompañado polo deputado Javier Tourís e a vicepresidenta da Mancomunidade do Salnés, Sabela Fole, dera á benvida aos centos de participantes, as actividades deron comezo arredor das 16.30 horas cunha charla sobre o alzhéimer a cargo do persoal da Asociación de Familiares Enfermos de Alzheimer do Salnés (AFASAL). A programación continuou cun obradoiro de risoterapia seguido dunha clase de traballo funcional. A festa concluíu arredor das 20.30 coa degustación dun viño e un pincho que puxo o broche douro a unha festa que serviu para poñer en valor a importancia de vivir en comunidade.

O programa +Convivir é unha nova iniciativa da Deputación para amosar as súas sinerxías co movemento veciñal co obxectivo conxunto de dinamizar a provincia de Pontevedra. Despois dun primeiro encontro hai dúas semanas en Poio, celebrouse esta segunda xornada en Cambados nun periplo que terá continuidade nas vindeiras semanas noutras comarcas da provincia. Trátase dunha nova mostra da sensibilidade do goberno provincial co tecido asociativo da provincia e co seu labor, o que apoia con numerosas actividades e programas, entre as que destacan dúas accións novidosas dotadas cada unha con 1,6 millóns de euros como son o Plan+ Aqua, para colaborar con 173 comunidades de auga; ou Plan de Acción Comunitaria, para colaborar coas asociacións veciñais da provincia, que recibirán ata 10.000 euros para mellorar os seus servizos.

Estes programas foron moi ben acollidos polos colectivos veciñais e teñen no deputado de Acción Comunitaria un dos seus principais impulsores. “É o auténtico valedor do movemento veciñal e asociativo da nosa provincia. E despois de moitas semanas de traballo, o +Convivir tamén é un éxito”, recoñeceu Luis López, quen tamén tivo palabras de agradecemento para Sabela Fole. “Unha cambadesa e veciña do Salnés entregada en corpo e alma á súa comarca e a súa veciñanza”, dixo o dirixente provincial sobre a vicepresidenta da Mancomunidade do Salnés, unha administración “fundamental, que comparte coa Deputación o municipalismo”, destacou o mandatario.

O presidente da Deputación, antes de dar por aberta a segunda xornada do +Convivir, agradeceu a calorosa acollida da veciñanza, amosou a vontade do goberno provincial para seguir tendendo pontes entre a administración e o tecido asociativo e desexou aos asistentes que desfrutaran dunha experiencia 100 % Rías Baixas.

Galerias de imaxes