A Deputación leva ao Museo de Pontevedra as “Canciones para bailar” de Santi Araújo

O concerto será o sábado 29 de xuño, ás 19:00, no claustro do Edificio Sarmiento

26/05/2024

Santi Araujo presenta Canciones para bailar no Museo

O Museo de Pontevedra será o escenario no que Santi Araújo presentará na cidade o seu último disco: ‘Canciones para bailar’. O concerto será o sábado 29 de xuño, ás 19:00 h, no claustro do Edificio Castelao. O acceso será mediante reserva previa, escribindo a reservas.museo@depo.gal, a partir do 18 de xuño ás 9:00 h.

Despois de ‘Suelta Ø Muerde’, o seu disco de debut de 2022, Santi Araújo vén de publicar ‘Canciones para bailar’, un segundo álbum que evidencia a súa capacidade para explorar novos rexistros máis desenfadados sen perder a súa identidade de ourive. Gravado integramente en cinta, este disco ofrece unha viaxe a través de 14 cancións que van desde a bossanova e o folk ata a psicodelia, acompañadas do seu característico fraseo.

Santi Araújo (Ponteareas, 1993) deuse a coñecer co proxecto de folk pop La Familia, que deixou como testamento o disco ‘Esto es normal’ (2011). Despois dunha tempada en México, sete anos despois reapareceu co seu primeiro EP en solitario ‘Catedral’. O seu último disco defínese como un traballo moi persoal, enchido de alegría e soltura, que se aprecia desde os seus primeiros adiantos: “Bailar”, “Jilguero” e “Piedra del camino”.