A Deputación enche o Museo de música esta semana cun recital de lieder, unha charla-concerto sobre Os Gaiteiros de Soutelo e a presentación do último disco de Santi Araújo
A primeira cita será este mércores ás 19:00 h, con ‘Ein Deutscher Liederaben’, no que soarán lieder de Ludwig van Beethoven e Franz Schubert
25/06/2024
O Museo de Pontevedra acolle esta semana tres citas musicais con estilos moi diferentes: o romanticismo alemán dos lieder, a música tradicional e o pop contemporáneo. O mércores celebrarase un recital de lieder, o xoves unha charla-concerto sobre Os Gaiteiros de Soutelo, e o sábado a presentación do último disco de Santi Araújo. Todos os concertos son de balde, aínda que o de Santi Araújo require reserva previa a través de reservas.museo@depo.gal.
O mércores 26 de xuño, ás 19:00 h, no Edificio Castelao, terá lugar o recital ‘Ein Deutscher Liederaben, unha tarde de lieder alemáns’, no que Ralf Glasz (tenor) e Rasa Biveiniene Jakutyte (piano) interpretan unha serie de lieder alemáns do século XIX: ‘An die ferne Geliebte’, opus 98, de Ludwig van Beethoven, e ‘Impromptu, en si bemol maior’, opus 142, núm. 3 e ‘An die schöne Müllerin’, opus 25, ambos de Franz Schubert.
Ralf Glasz comezou a tocar o piano con tan só catro anos e aos 15 debutou na ópera. A súa carreira artística desenvolveuse en Alemaña, Londres e España, e actuou tamén en Suecia, Cimbabue e Sudáfrica, entre outros países. Participou en numerosas óperas, musicais e concertos, ademais de actuar en producións televisivas e de radio. Así mesmo, desenvolveu unha longa traxectoria docente como profesor de voz. Compaxina a música coa súa outra paixón: a pintura.
Rasa Biveiniene Jakutyte é pianista, profesora e membro de varias agrupacións de música de cámara. Formouse en Lituania e actuou como solista e con grupos de cámara en salas de Lituania, Polonia, Grecia, Francia, Rusia, Italia ou Holanda, entre outros países. Desde o ano 2000 reside en España, onde desenvolve a súa actividade concertista e tamén en Portugal.
Charla-concerto sobre Os Gaiteiros de Soutelo
O xoves 27 de xuño, ás 19:00 h, o Edificio Castelao acolle a charla-concerto ‘Redescubrindo Os Gaiteiros de Soutelo. Homenaxe a Avelino Cachafeiro’, por Rubén Troitiño. Será un achegamento á rica historia da música galega no que se honra a Avelino Cachafeiro no centenario do seu nomeamento como mellor gaiteiro de Galicia no concurso de gaitas de Santiago de Compostela en 1924, un momento histórico inmortalizado por Castelao nun artigo publicado no xornal Galicia-Diario de Vigo.
Durante a sesión, as persoas asistentes terán a oportunidade de examinar documentos orixinais, coma revistas da época, discos de lousa cos seus catálogos impresos e incluso algún dos punteiros que utilizaban Os Gaiteiros de Soutelo. Rubén Troitiño, que está a levar a cabo unha investigación sobre a obra de Avelino Cachafeiro, compilou unha serie de fotografías inéditas e outros datos históricos que chegaron ata os nosos días, co fin de ofrecer unha nova visión da historia do cuarteto e mostrar a súa relevancia dentro da música galega.
Concerto de Santi Araújo
A última cita musical será o sábado 29 de xuño, ás 19:00 h no claustro do Edificio Castelao, onde Santi Araújo presentará o seu último disco: ‘Canciones para bailar’. O acceso a este concerto é mediante reserva previa, escribindo a reservas.museo@depo.gal.
Despois de ‘Solta Ø Morde’, o seu disco de debut de 2022, Santi Araújo vén de publicar ‘Cancións para bailar’, un segundo álbum que evidencia a súa capacidade para explorar novos rexistros máis desenfadados sen perder a súa identidade de ourive. Gravado integramente en cinta, este disco ofrece unha viaxe a través de 14 cancións que van desde a bossanova e o folk ata a psicodelia, acompañadas do seu característico fraseo.
Santi Araújo (Ponteareas, 1993) deuse a coñecer co proxecto de folk pop La Familia, que deixou como testamento o disco ‘Esto es normal’ (2011). Despois dunha tempada en México, sete anos despois reapareceu co seu primeiro EP en solitario ‘Catedral’. O seu último disco defínese como un traballo moi persoal, enchido de alegría e soltura, que se aprecia desde os seus primeiros adiantos: “Bailar”, “Jilguero” e “Piedra del camino”.