Luis López anuncia a posta en marcha das Rutas das Maceiras en Flor, con catro percorridos pola Estrada o 27 de abril
As rutas, completamente gratuítas e para as que abren as inscricións o vindeiro mércores, día 17, desenvolveranse en catro sidrerías da comarca de Tabeirós-Terra de Montes
12/04/2024
A Deputación de Pontevedra realizará o vindeiro 27 de abril catro novas Rutas das Maceiras en Flor, coas que, segundo o presidente provincial, Luis López, “queremos desestacionalizar a demanda e dinamizar o interior da provincia, así como ofrecer unha oportunidade única de gozar deste fermoso espectáculo floral”. Serán catro rutas nas que se visitarán catro sidrerías singulares (Rabiosa, Peroja, Ribela e Camino), situadas na comarca de Tabeirós-Terra de Montes, en concreto, en distintos puntos da Estrada, líder na produción de mazá ecolóxica.
Todas as rutas comezarán visitando a plantación de Callobre e a sobreira de Valiñas, un exemplar duns 300 anos de antigüidade situado no pazo de Valiñas, cunha altura aproximada de 22 metros e un dos máis importantes desta especie en toda Galicia. Ao finalizar a visita da plantación, será o momento de coñecer unha das catro sidrerías participantes, na que se poderá gozar, ademais, dunha cata-degustación de produtos.
Cada unha das rutas contará con 40 prazas, é dicir, haberá un total de 160, que se adxudicarán por orde de inscrición e poderán reservarse no formulario que estará habilitado na web de Turismo Rías Baixas a partir do mércores 17 de abril, ás 9 horas. Outorgaranse por estrito orde de inscrición e só se poderán solicitar un máximo de 4 prazas por persoa. As visitas inclúen, ademais, o traslado en autobús desde Pontevedra (con saída e chegada desde a capela de San Roque), pero as persoas que o desexen tamén se poderán desprazar pola súa conta ata o punto de encontro.