A Deputación avanza co Concello de Ponteareas a creación dunha nova vía que conectará a rúa Trovador Xoán García de Guillade coa N-120
A deputada Isabel Couselo reuniuse coa alcaldesa de Ponteareas e tamén deputada provincial, Nava Castro, para pechar cuestións dun proxecto que se atopa en fase moi avanzada e que é unha prioridade para o concello
17/12/2024
A deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación, Isabel Couselo, mantivo unha xuntanza coa alcaldesa de Ponteareas e tamén deputada provincial, Nava Castro, para revisar e pechar cuestións incluídas dentro do proxecto de creación dunha nova vía que dará continuidade á EP-4001 Ponteareas-Guillade para así conectar a rúa Trovador Xoán García de Guillade coa N-120.
Isabel Couselo destacou o estado avanzado no que se atopa o proxecto, que xa está practicamente rematado. A alcaldesa de Ponteareas e deputada provincial, Nava Castro, puxo en valor que se trata dunha prioridade para o Concello de Ponteareas no actual mandato, e destacou que por iso foi unha cuestión preferente nos distintos encontros mantidos entre ambas as dúas administracións, xa que a vía permitirá dar acceso a infraestruturas de gran relevancia como un centro de saúde e outros equipamentos municipais situados na contorna.
A nova vía que unirá a rúa Trovador Xoán García de Guillade coa N-120 en Ponteareas terá unha anchura de 18 metros e dobre sentido de circulación para o tráfico rodado. Ademais, a vía estará perfectamente humanizada ao contar con sendas peonís e mais zonas verdes en ambas as dúas marxes da calzada. A nova actuación, que está incluída no plan xeral de Ponteareas, permitirá desafogar o tráfico do casco urbano e dotar a zona de maior seguridade.