Rafa Domínguez supervisa o estado das obras do campo de fútbol de Salcedo, financiadas pola Deputación
30/08/2024
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, supervisou este venres acompañado do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, o estado das obras do campo de fútbol de Salcedo financiado integramente pola institución provincial. A través dun convenio de colaboración co Concello de Pontevedra, a Deputación achegará os 1,9 millóns de euros cos que finalmente foi licitado o proxecto.
O vicepresidente Rafa Domínguez asegurou que “a Deputación aposta polo deporte e por Pontevedra, e este é un exemplo máis de tantas obras que estamos facendo na cidade”. Domínguez reiterou o agradecemento ao alcalde de Pontevedra “pola boa disposición e colaboración que estamos tendo, que redunda en que as administracións traballemos xuntas para que as obras sexan unha realidade malia as enormes dificultades que houbo na tramitación”. Grazas a esta “lealdade institucional”, engadiu o vicepresidente, “dentro duns meses os rapaces estarán xogando no campo de Salcedo, tan desexado por todos”.