Rafa Domínguez comprométese a destinar 2,5 millóns de euros da Deputación a obras na cidade de Pontevedra neste 2024
Ademais destes recursos, o Goberno provincial investirá case outros 2 millóns de euros na senda peonil de Marco-Tomeza e colaborará co Concello de Pontevedra en iniciativas deportivas e culturais
15/03/2024
A Deputación de Pontevedra investirá 2,5 millóns de euros neste 2024 en obras na cidade de Pontevedra. Así o acaba de confirmar o vicepresidente, Rafa Domínguez, quen detallou que, xunto a estes recursos, o Goberno provincial tamén está a investir case outros 2 millóns de euros na senda peonil Marco-Tomeza e a colaborar co Concello de Pontevedra en numerosas iniciativas do ámbito deportivo e cultural.
“Na última semana mantiven encontros co Concello de Pontevedra que permitiron desbloquear proxectos municipais financiados pola Deputación, nun clima de lealdade institucional e colaboración impecable”, asegurou Rafa Domínguez. “A intención que temos desde a Deputación é a de colaborar ao máximo co Concello”, remarcou o vicepresidente, “e que se fagan as máximas obras e actuacións na miña cidade”. Neste eido, detallou que cos 2,5 millóns de euros de financiamento da institución provincial Pontevedra poderá executar a nova iluminación do Burgo e Lérez, cun importe de 1,4 millóns de euros; o parque da Parda, cun investimento de 400.000 euros; a cuberta da rúa 12 de Novembro, con 200.000 euros; a nave de piragüismo con 400.000 euros; e a reforma da Casa Consistorial con 100.000 euros.
Tal e como explicou Domínguez, todas estas obras foron elixidas polo Concello de Pontevedra, que, a partir de agora, deberá presentar “a documentación e, unha vez analizada, liberarase o crédito para darlles comezo ás obras”. Neste eido, o vicepresidente adiantou a posibilidade de “ampliar a colaboración con outros temas que nos trasladen desde o Concello de Pontevedra”. “Imos intentar ―engadiu― facer o máximo posible en Pontevedra sempre desde a lealdade institucional, a mesma que eu vou esixir para proxectos que queremos promover nós na cidade, coma a reforma de Santa Clara ou a Bienal”.