A Deputación de Pontevedra leva a música da Orquestra Clásica de Vigo ás dúas beiras do río Miño
A deputada provincial Nava Castro presentou o ciclo “Concertos ás beiras do Miño” nun acto que contou coa presencia das alcaldesas de Salvaterra de Miño e de Oia
01/08/2024
A deputada de Turismo da Deputación de Pontevedra, Nava Castro, participou hoxe no castelo de Salvaterra de Miño no acto de presentación do programa "Concertos ás beiras do Miño", que organiza conxuntamente coa Orquestra Clásica de Música e que se celebrará entre os días 3 e 12 de agosto. No acto, no que estivo acompañada polas alcaldesas de Salvaterra de Miño e Oia, Marta Valcárcel e Cristina Correa, e o director da Orquestra Clásica de Vigo, Manuel Martínez, Castro destacou que o obxectivo deste ciclo é "tender pontes e reforzar lazos co outro lazos co outro lado da raia, que, lonxe de separar, sempre foi sinónimo de unión", ademais de consolidar o sur da provincia, "esta rexión transfronteiriza, como un polo cultural que está en plena efervescencia".
Este ciclo de concertos busca ademais poñer en valor o patrimonio histórico da zona, xa que as actuacións terán lugar en espazos arquitectónicos e naturais de ambos territorios e reforzar "cunha oferta cultural de primeira, esta rexión transfronteiriza como un destino turístico en alza", como asegurou a deputada provincial, que lembrou proxectos xa en marcha na rexión transfronteiriza como Visit Río Minho Plus. Nava Castro aproveitou a oportunidade para felicitar á Orquestra Clásica de Vigo, ademais de por esta aposta artística, "que vai dar moito que falar a ambas marxes do Miño", polo seu 40 aniversario, que están celebrando neste 2024.
As actuacións programadas dentro do ciclo "Concertos ás beiras do Miño" comezarán este fin de semana, co concerto o sábado, ás 22:00 horas (hora portuguesa) no Castelo de Melgaço, cun programa especial baseada na formación para ventos a través da obra de Antonín Dvorák e Johann Strauss, e o domingo, ás 20:00 horas, na Praza Centinela de Oia, cunha proposta para a súa sección de cordas con obras de Victor Herbert e Edvard Grieg, un programa que repetirán o mércores 7 de agosto, ás 21:00 horas na Praza do Castelo de Salvaterra de Miño.
As últimas dúas actuacións da Orquestra Clásica de Vigo terán lugar o día 10 de agosto, ás 22:00 horas (hora portuguesa) no Auditorio Municipal de Vilanova de Cerveira, cun programa dedicado ao mestre Soutullo, cuxa obra "A lenda do bico" acaba de cumprir os 100 anos. Será este mesmo concerto programa o que interpreten no último dos concertos, que se celebrará o 12 de agosto ás 21:00 horas no Auditorio de San Bieito da Guarda.