Luis López sinala o patrimonio arqueolóxico da provincia como unha oportunidade para diversificar e facer máis atractiva a oferta turística das Rías Baixas

O presidente provincial participa en Campo Lameiro, xunto ao alcalde Carlos Costa, na presentación da terceira edición do Festival da Arte Rupestre de Galicia-Laeros

14/08/2024

Presentación da terceira edición do Festival da Arte Rupestre de Galicia-Laeros

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, participou este mércores na presentación da terceira edición do Festival da Arte Rupestre de Galicia-Laeros, que se celebra este domingo no parque arqueolóxico de Campo Lameiro. O mandatario provincial, que estivo acompañado polo alcalde Carlos Costa, destacou a importancia deste evento preservar e divulgar a riqueza arqueolóxica da provincia, así como para diversificar a oferta turística e cultural dos concellos.

A celebración, que conta no seu programa con propostas lúdicas, gastronómicas e divulgativas; está programada para este domingo, 18 de agosto, no Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro. O acontecemento máis agardado será, un ano máis, o xantar popular no que os asistentes degustarán preto de 40 costillares de vacuno ao espeto nunha contorna natural de gran valor como é este parque. Así mesmo, unha das novidades do festexo pasa por unha demostración de cociña prehistórica a cargo do especialista en didáctica e arqueoloxía, Pedro Cura. Do mesmo xeito, están previstas recreacións de diferentes prácticas da Idade de Bronce, nas que colaborará a Asociación Boquique de León.

A Deputación amosa o seu apoio a unha celebración que non só pon en valor o patrimonio arqueolóxico da provincia e atrae a visitantes a rincóns do interior da provincia. Tamén é destacable a implicación do tecido asociativo e veciñal do Concello na organización dunha festa que medra cada ano. Unha mostra desta implicación está na participación da comunidade escolar do CEIP Cerviño, que levarán unha mostra de varios xogos inspirados na arte rupestre de Campo Laimeiro ao festival.

A terceira edición do Festival da Arte Rupestre de Galicia-Laeros supón unha mostra da variada e rica oferta turística coa que conta as Rías Baixas que mestura a súa beleza natural e paisaxística coa súa riqueza histórica e arqueolóxica unha celebración que tamén é "unha experiencia 100 % Rías Baixas".