A Deputación ten aberto ata o 1 de agosto o prazo para optar á participar na residencia internacional de investigación artística na Academia de Arte e Deseño de Basilea

Pódense presentar persoas residentes ou nadas na provincia que sexan comisarias, artistas creadoras ou investigadoras e teñan un nivel alto de inglés. A persoa seleccionada completará a súa formación en Suíza durante tres meses

27/07/2024

A Deputación de Pontevedra aínda ten o prazo aberto, ata o vindeiro 1 de agosto, para presentar a candidatura para optar á residencia internacional de investigación artística ou curatorial do Museo de Pontevedra para completar a formación na Academia de Arte e Deseño de Basilea (Suíza). A convocatoria está aberta a persoas residentes ou nadas na provincia que sexan comisarias, artistas creadoras ou investigadoras e teñan un nivel alto de inglés e a persoa seleccionada pola Deputación completará a súa formación en Suíza durante tres meses, entre setembro e novembro de 2024.

Esta residencia artística materialízase a través do convenio de colaboración asinado coa Academia de Arte e Deseño de Basilea que ofrece o programa do Instituto Arte Xénero Natureza, sendo o lugar de residencia da persoa seleccionada o Atelier Mondial de Suíza. Alí, a persoa beneficiaria centrarase no seu traballo mentres comparte aspectos da súa práctica profesional cunha comunidade do sector artístico. Deste xeito, a Deputación de Pontevedra achegará á persoa seleccionada máis de 4.400 euros cos que cubrirá os gastos de desprazamento, de aloxamento e de acceso ao espazo no que se levará a cabo a residencia, ao ámbito artístico de Basilea e aos talleres de produción da cidade suíza.

Para optar á residencia, as persoas interesadas deberán presentar un formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Deputación. Xunto co formulario achegarán un documento, dun máximo de 10 páxinas, que incluirá a memoria descritiva da investigación ou proposta artística que se pretenda levar a cabo; unha breve biografía dun máximo de 500 palabras na que se acredite o nivel de inglés; unha carta de motivación; un cronograma de traballo; e un dosier cos proxectos de investigación e expositivos desenvolvidos nos últimos dous anos e nos que está a traballar ou vai desenvolver de forma inmediata ou a curto prazo.

Con esta convocatoria a institución provincial, en colaboración coa Academia de Arte e Deseño de Basilea, favorece a produción artística contemporánea e impulsa a súa imaxe internacionalmente, así como contribúe ao desenvolvemento de proxectos artísticos que dan visibilidade e conectan coa sociedade e reforzan os obxectivos do Museo de Pontevedra vinculados á formación e á promoción da arte. Ademais, a residencia permitirá potenciar o establecemento de redes creativas e colaborativas, tanto na provincia como no ámbito internacional, e impulsar a investigación, a innovación e a concienciación a carón da cultura e da dinamización cultural.