Luis López informa que a Deputación disporá de 209 M€ o vindeiro ano para reforzar a transformación e o apoio aos concellos: “Son as contas dunha provincia extraordinaria”
A cooperación cos municipios volver marcar a axenda de investimentos do goberno provincial, á que dedica máis dun terzo do orzamento a través de plans como o +Provincia (48,2M€), e fóra do orzamento, o Plan Extra (35M€) ou o Plan de Infraestruturas Deportivas (8M€)
29/10/2024
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presentou este martes as liñas mestras do Orzamento do organismo provincial para o vindeiro ano 2025, que racha por primeira vez a barreira dos 200 millóns de euros e rexistra un aumento do 10,5 %, uns 20 millóns de euros, con respecto ás contas do presente ano 2024. No vestíbulo do Pazo provincial, diante dos membros do seu goberno, xefes de servizo e traballadores da Deputación, Luis López detallou o reparto dos 209 millóns de euros –214 na versión consolidada— que volve romper récords en cooperación cos concellos e sigue reforzando áreas estratéxicas coma o turismo, o deporte ou a cultura. “Estamos ante unhas contas extraordinarias para afondar e acelerar a transformación extraordinaria que iniciou este goberno”, subliñou o mandatario provincial.
“Dentro de 64 días, o 1 de xaneiro de 2025, a Deputación Provincial de Pontevedra contará cun novo Orzamento en vigor. O segundo elaborado integramente por este goberno e unha nova demostración de certezas e estabilidade”, salientou o presidente Luis López antes de entrar a detallar polo miúdo as principais partidas deste documento.
A cooperación cos concellos, do mesmo xeito que o foi neste primeiro orzamento do executivo de Luis López, volverá ser a principal prioridade da acción de goberno da Deputación no ano 2025. A partida ascende a 71,4 millóns de euros, unha suba próxima ao 8 % con respecto aos recursos reservados neste 2024. Nesta área, enmárcase a segunda edición do plan +Provincia, que volverá contar cunha contía de 48,2 millóns de euros que se repartirán entre os concellos de menos de 50.000 habitantes cunha “sensibilidade renovada” polo reto demográfico e a transformación. Uns investimentos aos que hai que engadir, fóra do orzamento, dúas inxeccións extraordinarias como son os 35 millóns do Plan Extra ou os 8 millóns do segundo Plan de Infraestruturas Deportivas que xa presentou o presidente hai escasos días. “Volvemos destinar máis dun terzo dos recursos á cooperación cos municipios”, afirmou López.
O aposta polos concellos da provincia complétase cun apoio tamén millonario ás dúas cidades da provincia. O Orzamento volve recoller unha partida de 7,5 millóns de euros para financiar investimentos en Vigo a Pontevedra. Unha colaboración que se redondea, a maiores, con proxectos estratéxicos como so 5,2 millóns de euros para financiar a nova grada de Gol de Balaídos ou os 1,1 millóns para organizar a Bienal de Arte de Pontevedra, así como o impulso para a rehabilitación do Cine Fraga ou Santa Clara. “Se os pequenos e medianos concellos son a malla que sostén o equilibrio territorial, as cidades son o motor e a elas tamén nos entregamos”, asegurou o dirixente provincial.
A provincia do deporte
O deporte seguirá a ser un piar fundamental na acción de goberno da Deputación o vindeiro ano. Os fondos reservados para esta área ascenden nun 15 %, ata os 6,4 millóns de euros e inclúe salientables novidades como: a creación dunha nova liña de axudas dotada con 300.000 euros para colaborar co tecido deportivo na adquisición de vehículos ou outros activos necesarios para a súa actividade, o reforzo das axudas ás federacións ou unha nova Cátedra do Deporte en colaboración coa Universidade. Ademais, increméntase nun 51 % a dotación da liña de subvencións, que no ano 2024 foi de 100.000 euros, para a organización de eventos deportivos de interese turístico.
Estreitamente relacionado co deporte está o turismo, cuxa partida crece tamén nun 8 % ata situarse en 6 millóns de euros para que “as Rías Baixas sigan sendo líder en Galicia, referencia en España e exemplo de desestacionalización e sustentabilidade”, dixo López. Para conseguilo, inclúense novidades como un incremento do apoio ás festas de interese turístico internacional ou o reforzo da marca Rías Baixas Fest.
Increméntanse tamén os esforzos en Cultura cunha achega de 5,4 millóns de euros, unha suba do 14 % con respecto ás contas do 2024, que servirán para reforzar apostas como o +Escénicas, o primeiro circuíto de teatro e danza impulsado pola Deputación; ou a recuperación da liña de apoio para a adquisición de instrumentos musicais e vestiarios dotada con 200.000 euros.
Outra dos eixos de acción da Deputación é a colaboración co tecido asociativo da provincia. A través da área de Acción Comunitaria, que contará cun orzamento de 2,4 millóns de euros —un 20 % máis que o consignado inicialmente nas contas do 2024— para afondar en iniciativas de éxito como as axudas ao asociacionismo, ás comunidades de usuarios de augas ou o programa +Convivir.
“Se un equipo deportivo adestra nunha instalación renovada e conta cunha furgoneta nova para desprazarse, aí está a Deputación. Se unha festa de interese turístico pode rachar un novo récord de visitantes para dinamizar a economía local, aí está a Deputación. Se unha banda de música ten a posibilidade de comprar novos instrumentos, aí está a Deputación. E se o local daquela asociación do noso concello conta cunha nova envolvente térmica é porque aí está a Deputación. Paso a paso amosamos ser unha Administración que escoita, entende e finalmente atende”, ilustrou Luis López medidas concretas nas que traducen as cifras anunciadas.
Reforzo en infraestruturas
Tampouco descoida o goberno de Luis López unha das principais competencias do organismo provincial como é a área de Infraestruturas. No ano 2025 disporá dun orzamento de 24 millóns de euros, case 8 millóns máis que este ano, para seguir mantendo en perfecto estado os máis de 1.600 quilómetros da rede de vías provinciais. “Ao longo de todo este ano erguemos a voz contra o lamentable e indigno estado das estradas de titularidade estatal, que dependen do Goberno de Sánchez. Polo que respecta a este goberno, non vai ocorrer o mesmo coas vías provinciais. Predicamos co exemplo”, afirmou Luis López.
Tamén repasou Luis López outras liñas de investimento fundamentais para a Deputación como unha suba do 7,5 %, ata os 150.000 euros, para promoción de emprego; un incremento do 6 % en Benestar Social, un aumento do 14 % en asistencia intermunicipal e ata un 9 % de ascenso nas contías para fomento da lingua galega.
“Estas son as prioridades do goberno”, incidiu López antes de detallar outras obrigas herdadas do goberno anterior ás que debe facer fronte o ente provincial a partir do vindeiro ano 2025. “Hai compromisos que herdamos do anterior goberno porque somos responsables, aínda que nos lastren. Por exemplo, este ano devolveremos os primeiros 2,8 millóns da débeda do REACPON. Teremos que facelo así durante os nove anos seguintes ata devolver os 25 millóns máis intereses que adebeda esta casa, por decisión do bipartito”, explicou o presidente.
“Esta é unha xornada clave para definir que queremos ser como Deputación e como provincia no ano 2025. O que presentamos vai máis alá dunha relación de cifras e partidas. Un orzamento sempre é un traballo de planificación exhaustivo, un compendio de accións dun goberno que fala moito menos do que fai e unha das mellores bazas da política construtiva, estable e real. A nosa. A que se contrapón á política de xestos, palabras baleiras e fraxilidade permanente”, concluíu o presidente Luis López, quen quixo tamén agradecer o labor que están a realizar os deputados do goberno e os xefes de servizo e traballadores da Deputación. “Esta provincia extraordinaria conta cun equipo extraordinario”, rematou o mandatario provincial.