A Deputación supervisa no Grove as obras do paso de peóns de Conmeniño para reforzar a seguridade viaria e dar resposta ás demandas da veciñanza
A deputada de Infraestruturas, Isabel Couselo, visitou o tramo no que se está a executar o paso de peóns na estrada provincial EP-9103 Rampla de Meloxo para dar resposta ás demandas da veciñanza
02/12/2024
A deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación da Deputación de Pontevedra, Isabel Couselo, supervisou no Grove as obras do paso de peóns que está a executar en Conmeniño, na estrada provincial EP-9103 Rampla de Meloxo, para dar resposta ás demandas da veciñanza. Nesta estrada provincial, tal e como recordou Couselo, “está proxectada unha actuación maior pero estamos á espera de que o Concello do Grove consiga a cesión dos terreos. Unha vez realizado este trámite poderemos seguir avanzando para que o resto das demandas da veciñanza na Rampla de Meloxo se poidan materializar o antes posible”.
Ademais desta estrada provincial, a Deputación de Pontevedra tamén actuou estes dias en tramos da estrada provincial EP-9101 O Grove-San Vicente e EP-9106 Praia do Carreiro, ao abeiro do lote 3 do acordo marco de obras de conservación de firmes na rede viaria da institución provincial, que contempla un orzamento total para o conxunto da provincia de 4,5 millóns de euros. Neste caso, Isabel Couselo sinalou que a actuación que nestas dúas infraestruturas de titularidade provincial consistiu na reposición da capa de rodadura ao longo de 800 metros da estrada provincial EP-9106 (do 0+800 ao 1+600, na contorna da Igrexa de San Vicente, o Xacemento Arqueolóxico de Adro Vello e o acceso ao areal) e nunha actuación puntual na contorna do punto quilométrico 6+000 da estrada provincial EP-9101, en ambos os dous casos con aglomerado en quente (AC 16 Surf 50/70 S). Os traballos contemplaron operacións de mantemento do firme, así como da súa capacidade portante e da reposición da sinalización horizontal e drenaxe afectadas.
A deputada provincial informou de que esta é só unha das actuacións que a Deputación de Pontevedra está a executar nas vías provinciais que atravesan esta contorna ao abeiro do lote 3 do acordo marco de obras de conservación de firmes. Deste xeito, proximamente está previsto que comecen actuacións en estradas provinciais da zona enmarcadas nese mesmo lote como a estrada provincial EP-9205 Sanxenxo-Meaño ou a EP-9201 Sanxenxo-Bordóns-E. Samieira. Anteriormente, no que se refire ao concello do Grove, xa se actuou noutro treito de 100 metros da estrada provincial EP-9101 entre O Grove e San Vicente.