O espectáculo Molto Barroco chega este martes a Cuntis no marco do ciclo escénico da Deputación

A función, con entrada libre ata completar a capacidade, terá lugar no Centro Sociocultural e Xuvenil José Raído “Patelas”

25/12/2023

O Centro Sociocultural e Xuventil José Raído “Patelas” de Cuntis acollerá este martes 26 a obra Molto Barroco no marco do ciclo “Tornar ás táboas”, co que a Deputación de Pontevedra está a espallar o teatro por toda a provincia neste último trimestre do ano. A función, da man de Píscore Teatro, dará comezo ás 17:00 horas e a entrada será libre ata completar a capacidade.

A peza teatral Molto Barroco, dirixida ao público familiar, trátase dun percorrido pola música barroca acompañado de escenas cómicas. Está ambientada nunha corte real europea de mediados do século XVIII, habitada polo rei, a raíña, o bufón e un compositor que se reúne nunha pequena estancia con tres dos seus músicos para sacar adiante os encargos musicais do monarca.

Co ciclo teatral “Tornar ás táboas” a Deputación de Pontevedra está a achegar, desde outubro e ata finais deste mes, un total de 49 funcións gratuítas e dirixidas a todos os públicos a outros tantos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. Participan neste programa provincial trinta compañías de teatro galegas que están a ofrecer por toda a xeografía de Pontevedra unha ampla variedade de espectáculos.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.