Luis López anuncia a aprobación de liñas de axudas por valor de 4,4 millóns de euros en materia de benestar social para entidades e concellos da provincia
Trátanse das axudas para entidades sen ánimo de lucro que realicen actuacións no ámbito social, dotadas con 500.000 euros, das Axudas Básicas de Emerxencia, cun orzamento de 830.000 €, e do Plan de Cofinanciamento dos servizos sociais municipais, con 3,1 M€. Son, en total, 260.000 € máis que o destinado a estas tres liñas no 2024
31/01/2025
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou hoxe a aprobación dun total de 4,4 millóns en materia de benestar social que chegarán a toda a provincia a través de tres liñas de actuación diferentes. En concreto, trátase de 500.000 euros para a liña de axudas para que entidades sen ánimo de lucro realicen actuacións no ámbito social, 830.000 euros para a prestación das Axudas Básicas de Emerxencia e preto de 3,1 millóns de euros para o Plan de Cofinanciamento dos servicios sociais comunitarios municipais. En total, son 260.000 € máis que o destinado a estras tres liñas no 2024 porque “para nós estas son unhas axudas imprescindibles”, asegurou Luis López quen remarcou que “é o noso deber estar ao carón das persoas que máis o precisan. Queremos que esta provincia vaia a máis, e sabemos que só podemos conseguilo garantindo o benestar do conxunto da nosa sociedade, e por iso traballamos sen descanso para acadalo”.
Entrando ao detalle, a Deputación aprobou a liña de achegas para que entidades sen ánimo de lucro poidan realizar actuacións centradas nos colectivos que precisan apoio desde o punto de vista social, dotadas con 500.000 euros, 30.000 máis que o pasado ano. Unha ampliación de orzamento que, como explicou o presidente provincial, chega este ano “despois da gran acollida que tivo o pasado ano, cando esgotamos o 100% do crédito con recursos para 114 entidades sociais”. Cada entidade poderá beneficiarse dun máximo de 7.000 euros, que non poderá supoñer máis do 80% do orzamento das actuacións, para financiar actividades na provincia centradas en colectivos que se atopen en situación de desvantaxe e vulnerabilidade social. Previsiblemente, o prazo para solicitar estas subvencións abrirá o 11 de febreiro, despois de que as bases se publiquen no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.
Ademais, aprobáronse as Axudas Básicas de Emerxencia, recursos que permitirán aos concellos de menos de 20.000 habitantes atender as demandas da cidadanía que se atope en situación ou risco de exclusión social, con especial atención a quen teña menores ao seu cargo. Neste caso mobilízanse 830.000 euros, 230.000 € máis que o pasado ano, e deles preto de 620.000 van destinados a gasto corrente, como alimentación, uso da vivenda, pagamento de servizos e subministros básicos, e máis de 210.000 para investimentos. Neste caso, a contía máxima para cada concello vai desde os 7.800 aos 14.000 euros.
Estas axudas destinaranse a alimentación, vivenda subministros básicos, produtos e servizos de hixiene e limpeza, pagamento de produtos farmacéuticos, á adquisición de electrodomésticos básicos, pagamento de desprazamentos, pagamento da reparación e mantemento de vehículos, pagamento de lentes, lentes de contacto e audiófonos, pagamento de gastos derivados de tratamentos de odontoloxía, pagamento de produtos de apoio, atencións de carácter complementario e, entre outras actuacións, axudas para adquisición de roupa e calzado, de estudo e de apoio á infancia.
Por último, a Deputación deu luz verde ás bases do Plan de Cofinanciamento dos servizos sociais comunitarios municipais, a través do cal pon a disposición dos concellos preto de 3,1 millóns de euros. Estes recursos distribúense en 1,2 millóns de euros dirixidos a sufragar a prestación directa do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), un servizo que atende a persoas maiores e con discapacidade, especialmente cando carezan de apoio persoal no seu medio inmediato, e complétanse cos preto de 1,9 millóns para cubrir os custos do persoal dos Servizos Sociais Comunitarios nos concellos. Cada un dos 51 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes terá á súa disposición unha achega máxima que vai desde os 24.000 aos 120.000 euros.