A Deputación destina preto de 95.000 euros a 17 estudantes de FP para que completen a súa formación no estranxeiro ao abeiro do programa “Erasmus+”

Son alumnas e alumnos da Estrada, As Neves, Pontevedra, Tomiño e Vigo que realizarán estadías de entre tres e catro meses en Portugal, Italia, Malta, Irlanda e Croacia

05/04/2024

Luis López

A Deputación de Pontevedra aproba que se destinen 94.636 euros para que 17 estudantes de ciclos medios de formación profesional da provincia poidan realizar prácticas laborais en empresas e institucións europeas, facilitando desta maneira a súa inserción laboral. Trátase da primeira mobilidade do programa "Erasmus+" 2023, que conta cun orzamento total de 1,4 millóns de euros, dos que o Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE) achega 1,2. Con esta nova saída, ata o momento xa son 32 as persoas que están a gozar das mobilidades internacionais do programa na edición de 2023, que aínda se está a desenvolver.

Estas 17 alumnas e alumnos, que comezarán as súas prácticas a finais deste mes de abril, viaxarán a Portugal (3), Italia (7), Malta (3), Irlanda (3) e Croacia (1) para completar a súa formación en estadías que terán unha duración de entre tres e catro meses. Segundo explicou o presidente provincial, Luis López, "as axudas variarán en función do país de destino e da duración da mobilidade, e van desde os 4.400 euros ata preto dos 6.350 euros". En concreto, trátase de sete alumnos do Divino Maestro de Vigo, dous do IES Ricardo Mella de Vigo, dous do IES Audiovisual de Vigo, dous do CIFP A Xunqueira de Pontevedra, un do IES Antón Losada Dieguez da Estrada, un do CPR Daniel Castelao de Vigo, un do EFA A Cancela das Neves e un do IES Antón Alonso Ríos de Tomiño. En canto aos seus estudos, realizaron ciclos de FP sobre coidados auxiliares de enfermería, xestión administrativa, vídeo disc-jóckey e son, carpintería e moble, emerxencias sanitarias, informática básica de oficina, instalación e amoblamento, e instalacións de telecomunicacións.

Con estas bolsas a Deputación de Pontevedra pretende proporcionarlle á mocidade apoio económico para facerlles fronte aos gastos de aloxamento, manutención, viaxe e transportes locais derivados da realización destas prácticas que buscan facilitarlles a transición ao mercado laboral. Deste xeito, as persoas participantes poden reforzar con estas estadías no estranxeiro as competencias vinculadas ao seu perfil profesional e adquirir experiencia, mellorando así as súas expectativas.

videos

audios