A Deputación leva este domingo á Estrada o novo programa +Convivir destinada ao movemento veciñal
Será a cuarta xornada deste programa de convivencia, tralas celebradas o 13 de setembro na explanada da Seca de Poio, o 28 de setembro en Cambados e o 26 de outubro en Cuntis, con máis de medio milleiro de persoas en cada cita
07/11/2024
A Deputación de Pontevedra leva este domingo á Estrada o novo programa +Convivir. O pavillón Coto Ferreiro será o escenario onde se celebrará esta xornada lúdica e formativa dirixida ao movemento veciñal para pór en valor como “xuntos e entre todos” se constrúe a provincia, coa previsión de que asistan arredor de 700 veciños e veciñas da Estrada e da contorna. A da Estrada é a cuarta parada de +Convivir, tralas xuntanzas celebradas o pasado 13 de setembro na explanada da Seca, en Poio, o 28 de setembro en Cambados e o 26 de outubro en Cuntis, con máis de medio milleiro de persoas en cada cita.
A xornada de +Convivir na Estrada comezará ás 16:30 horas coa intervención do presidente da Deputación, Luis López que estará acompañado do deputado provincial Javier Tourís. A continuación terá lugar unha charla formativa sobre o alzhéimer, un obradoiro de risoterapia e outro de ximnasia de mantemento. Para finalizar, as actividades irán seguidas dun viño galego para todos os participantes amenizado por unha actuación musical.
+Convivir é un novo programa provincial co que a Deputación de Pontevedra pretende amosar as súas sinerxías co movemento veciñal para dinamizar a provincia de Pontevedra. Xa está confirmada a realización de encontros cos movementos veciñais nos concellos de Mos, o 16 de novembro, e Tomiño, o 23 de novembro.