A Deputación organiza 10 novas saídas ao abeiro do Plan “+Convivencia” coa participación máis de 600 persoas
Os participantes, de entidades de sete concellos da provincia visitarán lugares como as illas de Ons, Cíes ou Arousa, Marín, o río Miño, O Grove ou Sanxenxo, entre outros
18/09/2024
Máis de 600 persoas de 10 entidades sociais dos concellos da Estrada, Cangas, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Vigo e Vilagarcía de Arousa participarán esta fin de semana en saídas do programa +Convivencia da Deputación de Pontevedra, unha iniciativa que ofrece a oportunidade de compartir experiencias e crear espazos de participación en recursos patrimoniais da provincia. Neste caso, o programa provincial chegará a lugares como as illas de Ons, Cíes ou Arousa, Pontevedra, o río Miño, O Grove ou Sanxenxo.
As saídas comezarán este venres, 20 de setembro, cando 55 usuarios da Asociación Lar Pro Saúde Mental, de Vilagarcía de Arousa, visitarán o Pazo de Lourizán e o seu xardín botánico, en Pontevedra. Xa o sábado 21 de setembro serán 50 os usuarios da Asociación de Veciñas e Veciños da Parroquia de Orazo, da Estrada, que farán unha ruta pola Illa de Arousa; 51 da ANPA A Rúa, de Cangas, un roteiro pola desembocadura do río Miño, e 65 persoas da Asociación Niños con Hiperactividad y Déficit de Atención (ANHIDA), de Vigo, visitarán as Illas Cíes.
O domingo 22 de setembro 54 persoas da Asociación Diagnosticados de Cancro de Mama (ADICAM), de Cangas, e outras tantas da Asociación Cultural Irmáns Barcia, de Ponteareas, farán unha excursión á Illa de Ons, e 39 de ALCER Pontevedra, de Pontevedra, percorrerán o Grove, A Toxa e Portonovo
O luns 23 de setembro serán 100 as persoas da ANPA do CEIP de Cedeira, de Redondela, as que visitarán a Granxa Apípolis, e 81 de ACCEM, de Vigo, as que descubrirán as Illas Cíes. Por último, o martes 24 de setembro 54 persoas da ANPA Tintureira do CEIP A Paz farán un percorrido pola ría de Vigo e a Illa de San Simón.
O programa +Convivencia, dotado de 220.000 euros, permite a entidades sen fins de lucro da provincia coñecer o patrimonio natural, artístico, etnográfico e cultural da provincia de Pontevedra. A Deputación oferta un amplo catálogo de actividades de todo tipo relacionadas coa arqueoloxía, coa arquitectura civil, a relixiosa, a popular, cos faros, co Camiño de Santiago ou cos museos. Todas as propostas están abertas a entidades de iniciativa social, asociacións de mulleres, de maiores, veciñais e culturais ou tamén ANPAS da provincia. O prazo para solicitar as actividades, que deberán realizarse antes do 15 de decembro, permanece aberto ata o 1 de decembro.
Como novidade, o goberno provincial destina este ano a cada entidade unha axuda de ata mil euros para que poidan xestionar e deseñar con total autonomía a súa actividade, favorecendo a contratación de empresas do tecido máis próximo e estimulando a economía local. Deste xeito rómpese co que acontecía ata o de agora, pois eran grandes grupos de viaxes, moi afastados das asociacións que organizaban as actividades, os que se facían coas ofertas.