A vicepresidenta Luisa Sánchez remarca “o valor da provincia como escenario de grandes eventos deportivos” na presentación do Campionato do Mundo Xuvenil de vela

09/07/2024

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, remarcou esta mañá “o valor da provincia como escenario de grandes eventos deportivos” na presentación do Campionato do Mundo Xuvenil das clases 49er, 49er FX e Nacra17 en Vilagarcía de Arousa.  No acto, no que se deron cita o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete, e o presidente da Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde, a vicepresidenta provincial subliñou a idoneidade das Rías Baixas para a práctica dos deportes náuticos e amosou o orgullo de que “esta fin de semana Vilagarcía se converta no epicentro da náutica a nivel mundial, colocando á provincia no máis alto do podio, con máis de 300 regatistas na ría de Arousa chegados de máis de 20 países”.

Sánchez aproveitou a ocasión para informar que “a Deputación está traballando nesta liña, coa misión de converter á provincia no gran estadio deportivo do mundo, consciente do efecto arrastre que xera para o turismo a celebración de eventos deportivos de primeiro nivel”. E tamén subliñou a “prioridade” que supón para o Goberno provincial o deporte “e o compromiso coas persoas e as entidades que o impulsan como eixo sobre o que pivota”.