A vicepresidenta Luisa Sánchez reivindica o labor fundamental de ARVI nos actos de celebración do seu 60º aniversario

12/12/2024

Luisa Sánchez no 60º aniversario de ARVI

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou este xoves no Hotel Attica21 Vigo, situado en Samil, nos actos cos que a Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (ARVI) celebra o seu 60º aniversario. Luisa Sánchez puxo en valor o traballo da entidade, que “defende como ninguén o sector pesqueiro desta cidade e da provincia, coas súas reivindicacións e necesidades ante o conxunto de administracións, para garantir a sostibilidade e calidade dos produtos, a innovación no sector e os dereitos de todos os traballadores”.

A vicepresidenta provincial estendeu o recoñecemento “aos 166 barcos da flota e o máis dun cento de empresas asociadas, que representan a fortaleza e relevancia que ten a pesca para a nosa economía” e que é tamén “un dos nosos maiores sinais de identidade, que nos posiciona ante o mundo como unha gran potencia”. Luisa Sánchez asegurou que “na Deputación acollemos cos brazos abertos todas as vosas iniciativas, como o Vigo Sea Fest. Sodes unha entidade fundamental para a defensa do noso tecido produtivo e o voso traballo fala por si só e merece os maiores dos aplausos”.