Luisa Sánchez inaugura o Vigo SeaFest remarcando a firme aposta da Deputación por esta “cita gastronómica de referencia nacional”

A vicepresidenta Luisa Sánchez remarcou que o Vigo SeaFest supón “unha importante iniciativa de promoción do peixe galego e de dinamización da actividade cultural desta cidade que transcende o ámbito local e tan orgullosos nos fai sentir do sector do mar”

12/07/2024

Luisa Sanchez inaugura o Vigo SeaFest

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, acaba de inaugurar o Vigo SeaFest remarcando a firme aposta da institución provincial por “esta cita gastronómica que se ten convertido xa nunha referencia a nivel nacional”. A Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (ARVI), organizadora deste Festival de Sabores do Mar que acollerá a cidade ata o 14 de xullo e cumpre este ano a súa quinta edición, recibe unha achega de 55.000 euros do organismo provincial para o seu impulso e promoción.

Trátase, segundo afirmou Luisa Sánchez, dunha “importante iniciativa de promoción do peixe galego e de dinamización da actividade cultural desta cidade que transcende ao ámbito local e tan orgullosos nos fai sentir do noso sector pesqueiro e da nosa industria do mar”. Recordou Luisa Sánchez que este festival “colábase no 2017 no noso calendario festivo cunha maridaxe perfecta entre gastronomía, música e deporte, e unha aposta segura para conquistar a unha cidade vinculada ao mar”. Por estes motivos animou a toda a cidadanía a desfrutar do Fish&Beer e as propostas gastronómicas que teñen preparadas diferentes establecementos da cidade, pero tamén da oferta de concertos, actividades deportivas, infantís e familiares que propón a quinta edición do Vigo SeaFest.

A vicepresidenta provincial tamén aproveitou a ocasión para felicitar a ARVI polo seu 60 aniversario “desenvolvendo un excelente traballo a prol dun sector económico tan importante como é o da industria marítima-pesqueira” e animou ao consumo de peixe galego, subliñando “a especial incidencia na mellora da saúde das persoas e a enorme repercusión no desenvolvemento económico da nosa provincia”. Precisamente ao respecto, Sánchez amosou sentirse “moi orgullosa de todo o sector pesqueiro, da industria do mar, de cada un dos integrantes desta cadea necesaria para que o produto das nosas rías acabe nas nosas casas”.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.