A vicepresidenta Luisa Sánchez asiste á “Andaina do Maúxo” da Asociación Española Contra o Cancro en Vigo

16/06/2024

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, asistiu este domingo na explanada da Capela de San Sebastián de Fragoselo, en Coruxo (Vigo), á segunda edición da “Andaina do Maúxo” convocada pola delegación da Asociación Española Contra o Cancro en Vigo co apoio da institución provincial.

A vicepresidenta felicitou a cidadanía de Vigo e da provincia por amosar “que somos un pobo cunha gran concienciación e implicación social, ademais de moi solidario”, e agradeceu o traballo da asociación no seu labor de sensibilización á poboación “sobre a importancia de apoiar os enfermos de cancro e as súas familias, que tamén sofren moito ao coidalos e acompañalos”. A vicepresidenta tamén aplaudiu que a recadación da andaina sexa destinada ao financiamento de investigacións científicas, co reto de acadar un 70% de supervivencia desta enfermidade para o ano 2030.