Luis López traslada a solidariedade e apoio da Deputación de Pontevedra a todas as vítimas da DANA a través dunha declaración institucional aprobada en Xunta de Goberno

O presidente provincial pronunciou un comunicado estruturado en cinco puntos nos que amosa a predisposición do ente provincial para participar nos plans de axuda e recoñece o labor dos profesionais de emerxencia e os voluntarios nos operativos de rescate

15/11/2024

Luis López

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, trasladou toda a solidariedade e apoio do organismo provincial ás vítimas da DANA que asolou concellos da Comunidade Valencia, Castela A Mancha e Andalucía coa lectura dunha declaración institucional aprobada este venres na Xunta de Goberno. Un comunicado estruturado en cinco puntos que remarcan o acompañamento a todas as persoas afectadas, a predisposición para colaborar nos plans de axuda e no recoñecemento aos efectivos de emerxencias e voluntarios que participaron nos operativos de rescate e reconstrución.

“A Xunta de Goberno da Deputación Provincial quere facer constar que defende a unidade de todos ante esta catástrofe”, comezou o mandatario provincial a lectura desta declaración que inclúe no seu primeiro punto a “solidariedade” aos familiares das vítimas e persoas desaparecidas, así como a cantos perderon a súa casa ou se viron obrigados a abandonar os seus fogares.

O segundo punto céntrase na predisposición e apoio necesarios á hora de favorecer e implantar todas aqueles plans de axuda que establezan o Goberno de España e os gobernos das comunidades autónomas.

O terceiro apartado recolle a valoración ao “traballo insubstituíble” dos servizos de Protección Civil e Emerxencias, as Forzas Armadas, as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, as organizacións non gobernamentais, os profesionais sanitarios, os medios de comunicación e todos cantos contribuíron a reducir as consecuencias do temporal. En particular, o presidente Luis López salientou o exemplo de servizo público do que fixeron gala os bombeiros do Consorcio Provincial de Pontevedra para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento que se desprazaron a Valencia para participar nas labores de rescate e reconstrución das localidades afectadas polas inundacións, despois de que a Xunta de Galicia solicitara o seu despregamento cumprindo co deber de colaboración entre administracións.

O agradecemento á disposición mostrada por todo o país, especialmente aos voluntarios que se desprazaron a axudar ás persoas que máis están a sufrir estes días constitúe o cuarto punto da declaración. “A súa entrega desinteresada, a súa capacidade para actuar nas circunstancias máis adversas e o seu incansable traballo na reconstrución do perdido son un exemplo da fortaleza e humanidade que define á nosa sociedade”, recolle o texto.

Finalmente, o quinto punto amosa a solidariedade, á espera de coñecer a magnitude total dos temporais, “con quen noutras comunidades autónomas de España sufriron as consecuencias da DANA, onde tamén se lamentou a perda de vidas humanas e producíronse danos importantes de carácter material”, rematou o presidente da Deputación, Luis López.