Luis López avanza ao alcalde de Catoira a aprobación dunha achega de 62.800 euros na Xunta de goberno deste venres para o acondicionamento do centro social de Abalo

O presidente da Deputación mantén unha reunión de traballo co rexedor Xoán Castaño, na que lle informou dun apoio valorado en máis de medio millón euros para mellorar os servizos e infraestruturas do Concello a través de diversos programas provinciais

11/06/2024

Luis López reúnese co alcalde de Catoira, Xoán Castaño

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, avanzou ao alcalde de Catoira, Xoán Castaño, a aprobación na vindeira Xunta de goberno do ente provincial deste venres dunha subvención de 62.800 euros ao abeiro do programa +Provincia para o acondicionamento do Centro Social de Abalo. Nun encontro de traballo que tivo lugar este martes no despacho presidencial do Pazo Provincial, López e Castaño repasaron outros investimentos previstos pola Deputación neste concello e abordaron asuntos de interese mutuo para as dúas administracións. "Na Xunta de Goberno deste venres aprobaremos un proxecto moi demandado e necesario no Concello de Catoira, que é a rehabilitación do centro social de Abalo", afirmou o dirixente provincial ao remate do encontro.

Neste sentido, o titular do executivo provincial informou ao rexedor dos fondos que lle corresponde ao Concello de Catoira do programa +Provincia, que ascenden a 480.900 euros, uns 35.000 máis do recibido o ano anterior. Unha parte destes recursos, 92.300 euros, as destinará o goberno local á contratación de 9 persoas ao abeiro da Liña 3 de fomento do emprego do + Provincia. Así mesmo, o Concello percibirá pola Liña 2 de apoio ao gasto corrente uns 40.000 euros e, pola Liña 4 de redacción de proxectos transformadores, ten asignado 12.000 euros.

No tocante á Liña 1 de investimentos, Catoira dispón dun orzamento de 336.000 euros que destinará, ademais do citado acondicionamento do Centro Social de Abalo, á reparar o paseo fluvial danado polo temporal por un importe de 50.800 euros. Así mesmo, o Concello tamén ten solciitados ao abeiro desta liña 63.000 euros para a pavimentación camiños, 48.400 euros para a reforma da pista de tenis de Borreiros, 48.400 euros para a reforma da pista multideporte de Dimo ou 25.000 euros para a mellora das beirarrúas nas Lombas.

O Concello de Catoira tamén se beneficia de fondos doutro programa provincial como é o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, do que recibirá uns 36.600 euros que, xunto cunha subvención de 60.000 euros correspondente eo Plan +Provincia, empregará para executar o proxecto de construción de vestiarios e aseos no campo de fútbol das Lombas. Unha obra que se financiará ao 100 % con fondos da Deputación.

Luis López reúnese co alcalde de Catoira, Xoán Castaño

A reunión, que se encadra dentro da serie de encontros institucionais que o presidente está manter cos rexedores de toda a provincia, serviu tamén para repasar outros proxectos en marcha neste Concello. Un deles é a construción de beirarrúas na parroquia de Dimo, para as que o alcalde comprometeuse a poñer a disposición da Deputación os terreos necesarios para acometer as obras. "Cando teñamos a disposición plena dos terreos a ambas marxes habilitaremos os mecanismos para poder executar ese proxecto", adiantou López.

O clima de cordialidade e colaboración imperou ao longo de todo o encontro de traballo, no que o presidente Luis López reafirmou a vontade da Deputación de ser "fieis á nosa filosofía", consistente en "escoitar, entender a atender" aos alcaldes que "son os que mellor coñecen as necesidades dos seus concellos", rematou.

audios

Luis López

Xoán Castaño