Luis López reforzará a cooperación entre a Deputación e Xunta nun encontro institucional co presidente Alfonso Rueda

O presidente provincial recorda colaboracións como as de Santa Clara ou o Cine Fraga de Vigo para remarcar a “sintonía” e “compromiso” polo progreso da provincia

31/05/2024

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, reforzará a cooperación entre a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia cun encontro institucional que terá lugar ao longo do mes de xuño co presidente Alfonso Rueda. Unha reunión enmarcada na serie de encontros que o titular do goberno autonómico ten previstos cos presidentes das catro Deputacións e cos alcaldes de Lugo e Vigo.

O mandatario provincial remarcou a “sintonía” e “compromiso” de ambas as dúas administracións polo progreso da provincia. Unha vontade de colaboración leal e de tender pontes da que se deron numerosas mostras ao longo dos once meses que leva Luis López á fronte do executivo provincial. Unha cooperación que se ilustra coa cesión do Pazo de Lourizán, a Escola de Canteiros ou o Carlos Oroza, así como con acordos estratéxicos como o asinado con Medio Rural para investir 600.000 euros na compra de maquinaria para a prevención de incendios, ou mesmo proxectos en marcha como a reforma de Santa Clara, que conta cunha achega da Xunta de 6 millóns de euros, ou o traballo conxunto para a compra e reapertura do Cine Fraga en Vigo.

A data para este encontro aínda está pendente de confirmación, pero o presidente puntualizou que será “ao longo do mes de xuño”.