Luis López pon unha exposición “máxica” como a de “Cines de Pontevedra” como exemplo do apoio da Deputación á divulgación da cultura e da historia da provincia
O presidente provincial, xunto co vicepresidente Rafa Domínguez e o deputado de Cultura, Jorge Cubela, inaugurou este luns unha mostra sobre as antigas salas de cinema da provincia que se poderá visitar no vestíbulo do Pazo provincial ata o 30 de agosto
22/07/2024
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, puxo a exposición “Cines de Pontevedra”, unha mostra “máxica” que inaugurou este luns e que se poderá visitar ata o vindeiro 30 de agosto no vestíbulo do Pazo provincial, como un exemplo de que para esta entidade “a cultura ocupa un lugar principal, que este inmoble é moito máis ca un edificio administrativo: é un lugar no que descubrir e coñecer a nosa provincia; e que estamos comprometidos coa divulgación da nosa cultura e as nosas tradicións a través desta exposición que visitará tamén distintos concellos da nosa provincia”, afirmou o mandatario provincial.
Acompañado polo vicepresidente Rafa Domínguez, o deputado de Cultura, Jorge Cubela; o comisario da exposición, Jesús Ángel Sánchez; e o fotógrafo Xosé Castro, o presidente da Deputación inaugurou unha mostra que supón a recuperación dos antigos cinemas, aqueles de sala única que se espallaron ao longo do século XX polas cidades, vilas e localidades da provincia e que, salvo contadas excepcións, pertencen xa ao pasado. Ademais dos restos materiais das vellas salas e dos documentos de arquivo, a exposición inclúe tamén un documental que recolle os testemuños e recordos de cincocentas persoas de distintos concellos da provincia que viviron o esplendor destas salas. “O mellor destas salas non eran as películas que se proxectaban neles. Era a actividade social que xiraba arredor destes nobres edificios. Auténticos centros da cultura que, pola globalización e a diversificación do ocio, acabaron caendo no abandono”, sinalou Luis López.
Con todo, o obxectivo do goberno provincial con esta exposición e outras accións pasa por conservar este legado cultural e histórico dos concellos. “Un abandono que desde a Deputación nos negamos a aceptar. Primeiro, reivindicando o papel das salas de cinema como dinamizadores da cultura a través desta exposición. E segundo, colaborando con proxectos estratéxicos coma a que asinamos o pasado venres para devolver á cidade de Vigo un emblema cultural como é o Cine Fraga”, ilustrou o presidente da Deputación.
“As salas de cinema do século pasado eran máxicas. Seguro que moitos aínda lembran a primeira película que viron ou gardan algunha fotografía ao carón do cartel da vosa película favorita”, asegurou López durante a presentación da exposición. “Estas salas de cinema mesmo se convertían en locais de baile e daban moita vida aos pobos”, engadiu o deputado de Cultura Jorge Cubela.
“Convido a todo o mundo a que se achegue ao Pazo provincial antes do 30 de agosto para viaxar á era do cinema con maiúsculas”, concluíu o presidente Luis López, quen agradeceu tamén as achegas dos usuarios do centro de día, que enriquecen coas súas lembranzas este percorrido pola historia do cinema na provincia de Pontevedra.