Luis López enxalza o talento de Xabier Montes, gañador dun certame de prestixio internacional en gandería, como mostra da profesionalidade e futuro do sector na provincia

O mandatario provincial recibe o mozo, de 17 anos e natural de Rodeiro, que vén de proclamarse campión do Young Breeders School en Bélxica co equipo español, formado por seis prometedores gandeiros e gandeiras de Galicia

11/09/2024

Luis López enxalza o talento de Xabier Montes

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, recibiu este mércores no seu despacho do Pazo provincial ao novo gandeiro Xabier Montes, que vén de proclamarse gañador en Bélxica do Young Breeders School, o certame de manexo de gando máis prestixioso do continente. Durante o encontro, o mandatario provincial deu os parabéns a Montes pola súa traxectoria e o seu éxito, ademais puxo en valor a importancia que ten que a mocidade se interese e se forme na gandería e agricultura para asegurar o futuro do sector primario da provincia.

Na cidade belga de Battic, Xabier Montes formou parte do equipo nacional formado por seis novos gandeiros, todos eles galegos, que acabaron a competición no primeiro posto da clasificación xeral. Ademais, aos seus 17 anos de idade, o manexador pontevedrés foi segundo na súa categoría e cuarto no ranking global. Durante a competición, que se celebrou desde o 29 de agosto ao 1 de setembro, os gandeiros españois medíronse con 180 competidores de 28 países e tiveron que superar probas como preparación, pelado e doma de becerras ou a creación duns stand relacionado co Camiño de Santiago para representar a Galicia.

Ademais de ser os dous naturais de Rodeiro, Luis López e Xabier Montes comparten a súa paixón pola gandería e o medio rural. Durante a recepción, ambos os dous falaron da súa experiencia e de canto desfrutan coidando dos animais, pois o presidente provincial creceu nunha familia gandeira, o mesmo que Montes que é fillo dos propietarios da gandería Casa do Rei, en Rodeiro.

Galerias de imaxes