Luis López celebra o regreso de La Vuelta 2025 á provincia de Pontevedra, cunha etapa “decisiva e espectacular” entre Poio e Mos

A etapa 16 terá lugar o 9 de setembro, partirá de Combarro e rematará no Castro de Herville despois dun percorrido de 172 quilómetros e a ascensión a catro portos de montaña

20/12/2024

Conferencia prensa de Luis López

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, celebrou hoxe en conferencia de prensa o retorno, un ano máis, de La Vuelta ciclista a España á provincia de Pontevedra, o que supón “unha das mellores novas deportivas” para o vindeiro 2025. Desta maneira, a cita deportiva máis importante do país regresará ás Rías Baixas o 9 de setembro cunha etapa, a 16, “que agardamos sexa decisiva e espectacular” que partirá de Combarro e rematará no Castro de Herville, en Mos, como xa aconteceu no 2021.

Desta maneira, esta etapa 16 terá un percorrido total de 172 quilómetros e contará coa ascensión a catro portos de montaña: un de terceira categoría, dous de segunda e un de primeira, o alto da Groba. López asegurou que La Vuelta a España “é un dos grandes acontecementos deportivos do ano neste país, e un dos máis importantes do mundo no deporte do ciclismo”.

Cada ano, máis de 17 millóns de telespectadores ven La Vuelta por TV en algún momento. Ademais, adoita alcanzar cotas de pantalla de ata o 24% e ter repercusión nos 190 países onde se retransmite e nas redes sociais. “A mellor campaña que un territorio pode facer é o helicóptero de La Vuelta”, confirmou o presidente provincial, que lembrou que, grazas a eventos como este, “en 2025 demostraremos tamén que somos a provincia do deporte”.

audios