Luis López garante o apoio da Deputación ao sector agrogandeiro da provincia pola súa importancia para a economía, o emprego e para fixar poboación no rural
O presidente provincial referiuse á medidas de soporte como as subvencións ás cooperativas, a colaboración coa Semana Verde ou Feira Deza ou a asistencia da Finca Mouriscade nun acto no que tamén participou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda
30/05/2024
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou a importancia do sector agrario e gandeiro da provincia para a economía e o emprego, así como para fixar poboación no rural durante a inauguración da cuadraxésimo sexta edición da Feira Internacional Semana Verde de Galicia, que abriu este xoves as súas portas no recinto feiral de Silleda. O dirixente provincial tamén fixo referencia ás diferentes medidas de apoio que o goberno da Deputación presta ao sector, entre as que sobresae unha subvención de 150.000 euros á Fundación Semana Verde para colaborar coa organización desta feira e outros eventos que se realizan ao longo do ano. "Coñezo as necesidades e a importancia do agro para a provincia. É un dos nosos grandes motores económicos, un sector concienciado co coidado do noso campo e do medio ambiente e unha gran fonte de emprego para a nosa provincia", afirmou o presidente Luis López nun acto inaugural no que participou tamén o presidente da Xunta, Alfonso Rueda.
Esta feira internacional, que se celebrará en Silleda desde este xoves 30 de maio ata o 2 de xuño, mantén o seu ritmo de crecemento desde a pandemia e neste 2024 o evento conta cun total de 746 expositores directos de seis países distintos, a maior cifra dos últimos dezasete anos. "A Semana Verde é un escaparate internacional de primeira para o noso sector primario no que dar a coñecer os nosos produtos e amosar a competitividade e fortaleza do rural", subliñou o mandatario provincial.
Acompañado polo deputado Marcos Guisasola, responsable da área de Medio Ambiente, Luis López reafirmou o compromiso da Deputación no só coa Semana Verde, senón con todo o tecido agrogandeiro da provincia. Neste sentido, a Deputación colabora coa Fundación organizadora desta feira cunha subvención de 150.000 euros que permite o mantemento do seu calendario anual de actividades, pero ademais supón unha mostra da vontade de cooperación e de tender pontes da Deputación para dar soporte ao tecido agrícola e gandeiro. Outra feira destas características coa que colaborara a Deputación é Feira Deza, en Lalín, á que o goberno provincial doa nove lotes de embrións saídos de Mouriscade para os gañadores dos certames, así como dúas xovencas para sortear e vinte cabezas de gando para subasta. Do mesmo xeito, o presidente provincial fixo referencia a outra medidas de apoio pensadas para o sector primario. Unha das máis destacadas é a aprobación dunha liña de axudas presentada hai unha semana aos representantes das cooperativas agrogandeiras da provincia por importe de 250.000 euros.
A asistencia dun centro de investigación de referencia como a Finca Mouriscade, dependente da administración provincial, é outro importante apoio para o sector, pois conta co recoñecemento de ser a quinta mellor granxa de España en calidade xenética dos seus animais, é o centro investigador de referencia para o Ministerio de Agricultura para analizar mostras de millos forraxeiros e, ademais, a Deputación mellorará os seus servizos cun investimento que permitirá ampliar a capacidade de análise do seu laboratorio. Un apoio ao sector empresarial do interior da provincia que se completa co acompañamento e asesoramento que se presta no viveiro de empresas que a Deputación ten en Lalín.
Luis López tamén quixo agradecer aos traballadores do sector un labor co que "construídes unha provincia que é referencia nunha produción diversa, innovadora e de excelente calidade", ás empresas, asociacións e administracións, pola "cooperación co sector primario, que axuda a manter vivo o rural e impulsar este motor económico"; e a todos os que forman parte desta Semana Verde, porque "conseguides, un ano máis, que os ollos dun sector fundamental en todo o mundo como o agrogandeiro miren a provincia de Pontevedra". Un sector fundamental ao que o presidente da Deputación comprometeu o máximo apoio posible e que coñece de primeira man porque "crecín aquí cerca, en Rodeiro; crieime no campo e coñezo a dureza e beleza do traballo; e colaborei con cooperativas, coa Semana Verde e, xa como alcalde, sempre estiven ao carón dos nosos labregos", confesou.
O presidente da Deputación rematou a súa intervención destacando que a Semana Verde é "sinónimo" de "éxito de participación, de captar o interese internacional e de dar visibilidade ao sector primario da nosa provincia". Un sector que conta cun apoio sólido e un aliado leal na Deputación porque "se apostamos polo campo, o noso rural terá futuro", concluíu Luis López.