A Deputación inaugura o 4 de outubro unha exposición fotográfica ao abeiro das actividades do encontro Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes

A mostra, que se poderá visitar ata o 31 de outubro no vestíbulo do Pazo provincial, recolle as imaxes gañadoras das últimas sete edicións dos Premios Provinciais á Xuventude

28/09/2024

A Deputación de Pontevedra inaugura o vindeiro venres 4 de outubro no vestíbulo principal do Pazo provincial unha exposición de fotografía que recollerá os traballos gañadores das últimas sete edicións dos Premios Provinciais á Xuventude e que poderá visitarse ata o 31 de outubro. A mostra forma parte das actividades complementarias que se celebran como parte da programación do primeiro encontro Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes, que terá lugar os días 17 e 18 de outubro baixo o lema “Vivir das letras”.

A mostra está composta por un total de 112 fotografías, das que 18 son individuais e 13 son series compostas por un total de 94 fotografías. A categoría de fotografía orixinal é sempre unha das que máis solicitudes de participación recibe nos Premios Provinciais á Xuventude e continúa medrando ano tras ano, o que denota o especial interese da mocidade pola creación artística.

Cabe lembrar que Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes traerá á cidade de Pontevedra os días 17 e 18 a escritores de gran prestixio como Héctor Abad Faciolince, Manel Loureiro, Arantza, Ángela Banzas, Rafa Cabeleira, Rodrigo Cota, Alexander Vórtice ou Xulio Teixeira, aos que se lles acaba de sumar Sandra Ferreiro García, gañadora do premio de narrativa no ano 2018 e que acaba de publicar a súa primeira novela, “Candela”.